O veleiro Laion de COGAMI inicia tempada de verán na Mariña Lucense

Xa son 15 anos que este veleiro incautado ao narcotráfico navega polas rías galegas con persoas con discapacidade a bordo
Publicado por o día 27/06/2017 na sección de Deportes,Vela

O veleiro Laion de COGAMI inicia tempada de verán na Mariña Lucense

Un ano máis, e con este xa van quince, o veleiro Laion de COGAMI levanta áncora, iza velas e sae navegar pola costa galega levando a bordo persoas que ao mellor non tiñan a oportunidade de achegarse á navegación, por carecer esta dun entorno accesible ás súas necesidades. Un ano máis, bota a navegar o proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada).

O Laion é un veleiro que foi incautado en 2002 ao narcotráfico e, dende que o ten cedido en garda e custodia a asociación membro de COGAMI Adisbismur – Asociación de Personas con Discapacidade da Bisbarra de Muros- posibilita que as persoas con discapacidade poidan participar en actividades náutico-deportivas. Dotado de adaptacións como son un guindastre ou uns asentos ou backets, o Laion permite que as persoas con mobilidade reducida poidan subir ao barco e gozar da travesía.

Dende finais de xuño arranca a tempada do Laion que, xunto co mes de xullo e agosto, vai permitir que un total de 280 persoas, distribuídas en quendas de 8 persoas por travesía, teñan a oportunidade de participar e aprender nocións básicas sobre a navegación a vela así como a realización de nós náuticos e o manexo do temón.

A primeira saída desta tempada foi dende o Real Club Náutico de Ribadeo, e a última travesía realizarase a finais de agosto coa participación na Regata SAR Infanta Elena de A Coruña, como xa vén sendo habitual. A continuación detallamos os lugares, horarios e entidades participantes:

 

DATAS LUGARES ENTIDADES HORARIOS
26 xuño Ribadeo FRATERNIDAD 11:00 a 14:00 h.
27 xuño Ribadeo  

FRATERNIDAD

11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

28 xuño Ribadeo ASPACE Lugo

Centro recursos Boimorto de Arzúa

de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

29 xuño Ribadeo  

ASPACE Lugo

de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

4 xullo Viveiro A Mariña-COGAMI

Fingoi de Lugo

de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

6 xullo Ares COGAMI Ferrol de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

7 xullo Ares COGAMI Ferrol

Disvalia de comarca Valdeorras

de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

10 xullo Camariñas Integro de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

11 xullo Camariñas APEM de Cee

Centro de COGAMI de Medelo de Silleda

de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

13 xullo Adisbismur de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

14 xullo Adisbismur de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

18 xullo Portonovo Centro de día de Villestro-ASPANAES

Asociación Avanzar de Umia-Ulla

de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

19 xullo Sanxenxo Centro de recursos de COGAMI en Mos de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

20 xullo Combarro Federación Discafis-COGAMI de Ourense de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

21 xullo Belesu Asociación APAMP de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

22 xullo Sanxenxo Asociación Amizade

Centro de día de Ponteareas

de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

PARTICIPACIÓN REGATA SAR INFANTA ELENA
25 agosto Náutico A Coruña Asociación Alcer Coruña 16:00 a 19:00 h.
26 agosto Náutico A Coruña Asociación  Alcer Coruña

Asociación ACEM e COGAMI Coruña

de 11:00 a 14:00 h.

de 16:00 a 19:00 h.

27 agosto Náutico A Coruña Asociación FEGEREC 11:00 a 14:00 h.

 

Este proxecto denominado GAVEA (Galicia Vela Adaptada) é posible coa colaboración de distintos clubs náuticos que ceden os amarres, como é o caso do Real Club Náutico de Ribadeo.

O GAVEA permite a participación en actividades náutico- deportivas a todas as persoas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño. Dende que iniciou este proxecto, máis de 4.000 persoas participaron no mesmo. Esta actividade de lecer é unha das máis demandadas polas persoas usuarias dos centros e entidades de COGAMI.

O VELEIRO LAION

O Laion, de 13 metros de eslora, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, e a electrónica foi desprazada á bañeira da embarcación o que facilita o goberno da mesma.

Ao longo dos anos, o proxecto GAVEA participou e eventos náuticos tanto galegos como internacionais, como foron a Volta Náutica a Galicia, a Xira Náutica Costa da Morte, a Regata S.A.R. Infanta Elena, a Regata Inicial da Volvo Ocean Race, a viaxe ao Fórum Barcelona 2004, as singraduras pola Costa Cantábrica, a 32ª Edición de la America´s Cup de Vela- Valencia 2007 realizando actividades de vela adaptada durante o transcurso da mesma, a Regata Teresa Herrera, a Regata Tall Ship Race, ou a I Travesía Náutica Xacobea.

Este proxecto, aparte de achegar o mar e a navegación á discapacidade, tamén contribúe na sensibilización, concienciación e inclusión social. Todas as visitas que o Laion efectúa nos diferentes pantaláns que atraca serven de espello para amosar a diversidade na que vivimos.