O “vello dos cornos” e outras figuras que acompañan os xenerais en Vila de Cruces

Os Xenerais da Ulla, tradicionais personaxes de Entroido que desfilan por Silleda, A Estrada e Vila de Cruces, van acompañados en cada parroquia por sorprendentes figuras de orixe popular. En Vila de Cruces destaca “o vello dos cornos”
Publicado por o día 27/01/2018 na sección de Cultura,Eventos

O “vello dos cornos” e outras figuras que acompañan os xenerais en Vila de Cruces

Os Xenerais da Ulla son personaxes tradicionais de Entroido presentes en oito concellos que se estenden polas provincias de Pontevedra e A Coruña, a beiras do río Ulla. Trátase dunha manifestación declarada de Interese Turístico de Galicia, na que se conxugan figuras de probable orixe histórica, coma o propio exército de xenerais a cabalo, con outros personaxes populares que son diferentes en cada municipio e que mesmo poden variar dunha parroquia a outra.

No municipio de Vila de Cruces os Xenerais da Ulla desfilan nas parroquias de Merza, o 4 de febreiro, e de Salgueiros, o 18 do mesmo mes, acompañados dun peculiar séquito de personaxes satíricos de raíz popular. En Merza destaca “o vello dos cornos”, que mesmo ten a súa propia asociación cultural, e cuxa función é irromper no desfile dos xenerais para meterse co público e “picarlle” as pernas de forma inocente e divertida.

Merza conta, ademais, con outra serie de personaxes propios que acompañan os xenerais na súa representación. Os soldados a cabalo van seguidos dun exército de “mouros” en burros, e, mentres que os primeiros fan parodia da actualidade a nivel estatal, os “mouros” dedícanse a facer sátira local. O inicio e o peche da representación teatral tamén dispón das súas tradicionais figuras, que son o “escribán” e o “frade”, respectivamente, profesións que gozaban dun gran poder nas antigas sociedades tradicionais e que aparecen aquí como obxecto de escarnio.

Pola súa banda, en Salgueiros, “o vello dos cornos” ten esposa e desfila collido do brazo da “vella”, encabezando a comitiva dos xenerais. O séquito tamén inclúe os “mouros”, coma na parroquia veciña, e, ademais, incorpora os “aradores”, que arrastran un arado tirado por burros. Os aradores discuten entre si e interactúan cos veciños e veciñas nunha parodia dos labores agrícolas.

A “parranda dos cegos” é outra das manifestacións propias de Salgueiros, que representa a un grupo de vellos que cantan, ao ritmo dalgunha canción popular galega, a súa particular visión da actualidade, na que non faltan as notas “picantes”.

Todos estes personaxes e performances concentran a súa aparición nun único día, o domingo, nunha xornada animada pola música e a implicación dos veciños e veciñas.

Os xenerais na provincia

O municipio da Estrada ofrecerá os “atranques” dos Xenerais da Ulla os días 10 e 11 de febrero, na parroquia de Santeles, e o día 13 de febreiro, no campo da feira municipal. Ademais, ata o 9 de febreiro exhibirase na Casa das Letras unha exposición itinerante dedicada aos Xenerais da Ulla, que reúne un total de 60 fotografías acompañadas de coplas ou atranques. A mostra estará aberta ao público de luns a venres, de 9:00 a 14:30 horas, e os sábados, de 16:00 a 21:30 h, en horario matinal.

En Silleda  a presenza dos xenerais está prevista para o 3 de febreiro, na parroquia de Lamela, e o día 10, na Bandeira.