‘Ven trebellar’, ‘Xeiras das artes’ e concertos na última fin de semana das Peregrinas

O programa ‘Xeira das artes’ despide mañá a súa última sesión cunha actuación conxunta do narrador oral Quico Cadaval e o historietista Kiko da Silva

A considerada a semana grande das Festas da Peregrina enfía a súa recta final esta fin de semana con tres concertos cada día, o programa para público familiar ‘Ven trebellar’ e a última das sesións do programa ‘Xeira das artes’.

Así, mañá venres 14 terá lugar a última das sesións deste ciclo que aúna disciplinas como a narración, a música, a banda deseñada, ou o grafitti. Pola mañá comezará coas actuación conxunta de Su Garrido Pombo (música) e Rebeca Santos (aéreos) ás 12h na praza da Curtidoira, e continuará con Dr. Excepto, que aúna música e narración, ás 13:30 nos xardíns de María Victoria Moreno. Pola tarde, será a quenda de Xurxo Souto (narración e música) e POW (grafitti) ás 20h na praza da Curtidoira (no programa aparece nos xardíns de María Victoria Moreno por erro), e o broche de ouro a este ciclo porallo a actuación conxunta de Quico Cadaval (narración oral) e Kiko da Silva (banda deseñada) ás 21:30h nos xardíns de María Victoria Moreno.

Tamén mañá terá lugar a última sesión do ciclo ‘Pontevedra máxica’ con dous pases, ás 20:30h e ás 22:30h, na praza da Pedreira.

En canto aos concertos, o primeiro do venres será na praza da Ferraría ás 22h a cargo de ‘La casa de los ingleses’, o segundo ás 22:30h na praza do Concello con ‘Pelepau’, e o terceiro ás 22:30h nas pistas de Campolongo con Emilio Rúa. O sábado será a quenda de ‘Moloch’ ás 22h na praza da Ferraría, ás 22:30h ‘Daniel Minimalia’ na praza do Concello e ás 22:30h ‘Pablo Lesuit’ nas pistas de Campolongo. O domingo ás 22h estarán ‘Os Carunchos’ na praza da Ferraría, ás 22:30h ‘Rosa Cedrón Dúo’ na praza do Concello, e ás 22:30h ‘The Lakazáns’ nas pistas de Campolongo.

Ademais, ata o domingo continúan as ruadas e pasacalles e as tiradas de fogos artificiais ‘sorpresa’ desde distintos barrios e puntos da cidade. A vindeira semana, a programación de verán Pontevedra vívese continúa cos programas ‘Virar coa gaita’ e ‘Urbana Pontevedra’.

Protocolo Covid-19

Convén lembrar que todas as actividades e actuacións de escenario estarán acoutadas, aforadas e co público sentado en función do número de cadeiras que permita cada espazo escénico distribuído pola cidade e os barrios. O aforamento está determinado por estudos previos realizados pola Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, atendendo aos distintos decretos ditados polas administracións estatal e autonómica.

Os 13 espazos escénicos serán previamente desinfectados: cadeiras, escenario, camerinos, zonas de control… Ao remate de cada actuación, volverase a desinfectar. A asistencia a todos os espectáculos é de balde, mantendo así a política festiva do Concello de Pontevedra. A entrada ao recinto abrirase unha hora antes para que as persoas que queiran asistir poidan facelo con tranquilidade, sen aglomeracións e garantindo as medidas hixiénico-sanitarias marcadas. En todos os espazos escénicos haberá unha única porta de entrada.

O público deberá pasar, primeiro, por unha alfombra húmida (con produtos desinfectantes) e a continuación por unha alfombra seca. Deberán levar máscara, limpar as súas mans con hidroxel e seguir, en todo momento, as indicacións do persoal de seguridade e dos acomodadores que haberá no espazo acoutado.

Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto.

Ao remate, a Concellaría habilitará dúas saídas en cada un dos espazos, que estarán en lugares opostos á entrada.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario