Venres 16 de decembro de 2016, CCOO convoca concentracións en Galicia o día 20 en defensa das pensións

Publicado por o día 20/12/2016 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos,Vigo

Venres 16 de decembro de 2016, CCOO convoca concentracións en Galicia o día 20 en defensa das pensións

A Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO, ante a situación de alarma creada pola mingua do fondo de reserva da seguridade social, potenciada desde algunhas institucións, fai un chamamento á participación nas concentracións que convoca para o vindeiro martes, día 20 de decembro.

Para CCOO, a fonte de financiamento que mellor pode garantir un bo sistema de pensións depende da creación de máis emprego e de que este sexa de calidade. Para iso, cómpre insistir na necesidade de mellorar a produtividade dos factores de produción, transitando cara a un modelo de crecemento baseado na innovación, mais sen deixar de impulsar desde os orzamentos públicos actividades intensivas en man de obra (atención a persoas maiores e dependentes, mantemento de infraestruturas, rehabilitación de vivendas e edificios, etc.), que xeren oportunidades de emprego para todas as persoas paradas, ao tempo que se atenden necesidades da sociedade.


Lonxe do anterior, durante estes últimos anos, o Goberno renunciou a adoptar medidas que melloren os ingresos do sistema sobreutilizando o Fondo de Reserva mediante a suspensión dos límites máximos de disposición que prevía a lei e dando lugar ao seu consumo de forma anticipada. Do mesmo modo, a reforma de pensións imposta unilateralmente en 2013, no canto de adoptar medidas que aumenten os ingresos, busca reducir a medio e longo prazo o gasto en pensións pola vía de diminuír o poder adquisitivo das pensións, mediante o factor de sustentabilidade e a nova fórmula de revalorización de pensións.

O novo índice de revalorización de pensións (IRP) debe ser substituído por unha fórmula distinta de revalorización pactada no marco do diálogo social, que garanta o mantemento do poder adquisitivo das pensións durante todo o período de percepción. Mentres isto se produce, o Goberno debe garantir un fluxo de recursos sostido e suficiente no sistema de seguridade social que permita que a aplicación da propia fórmula de IRP garanta o mantemento do poder adquisitivo.

CCOO insta o Goberno a convocar urxentemente a comisión do Pacto de Toledo para que, sobre a base do diálogo e acordos sociais e políticos amplos, se poñan en marcha as medidas necesarias para garantir a sustentabilidade do sistema público de pensións, tal e como se vén facendo desde 1995 con excelentes resultados.

CONCENTRACIÓNS CONVOCADAS PARA O 20 DE DECEMBRO

(Todas ás 12 h, agás Lugo, que será ás 11 h)

— A Coruña: Delegación do Goberno (praza de Ourense), 12 h
— Ferrol: INSS (praza de España con rúa Catalunya, n.º 1), 12 h
— Santiago de Compostela: INSS (rúa Carlos Briones con rúa Galeras), 12 h
— Lugo: INSS (rolda Xosé Castiñeira n.º 26), 11 h
— Ourense: INSS (rúa do Concello, n.º 1), 12 h
— Pontevedra: INSS (rúa Gagos de Mendoza, n.º 4), 12 h
— Vilagarcía de Arousa: oficina de emprego (avenida de Castelao, n.º 25), 12 h
— Vigo: INSS (rúa do Grove, n.º 4), 12 h