Verdades, medias verdades e mentiras sobre a auga

Publicado por o día 10/07/2020 na sección de Medio Ambiente,Social,Sociedade Galega de Historia Natural

Verdades, medias verdades e mentiras sobre a auga

Diante de varias novas destes días na prensa que se fan eco da opinión dos agricultores en relación con sancións derivadas do uso das augas para rega na Limia, Sociedade Galega de Historia Natural considera necesario lembrar que o Servizo de Protección da Natureza creouse como resposta especializada da Garda Civil ao mandato constitucional de garantir o dereito dos cidadáns a gozar dun medio ambiente adecuado así como o deber de conservalo. O Seprona é responsable de velar polo cumprimento das disposicións legais de conservación da natureza, incluíndo a protección das augas.

Polo tanto, estas actuacións do Seprona están dentro da súa responsabilidade e ámbito competencial e enmarcadas nos labores que teñen encomendados pola normativa legal vixente. Exactamente o mesmo que cando outros corpos da Garda Civil sancionan a un infractor por incumprir a lei de seguridade vial ou as normas de seguridade derivadas do Covid-19.

Por outra banda, Sociedade Galega de Historia Natural tamén desexa lembrar que ten comunicado en múltiples ocasións ás diferentes administracións autonómicas, estatais e europeas diversas irregularidades en canto ao uso e o estado das augas na comarca da Limia. Sociedade Galega de Historia Natural advertiu reiteradamente do enorme problema ambiental derivado da continuada sobreexplotación incontrolada das augas e da súa contaminación. Lamentablemente, ningunha administración avaliou en profundidade o problema nen artellou as medidas oportunas para asegurar a conservación e dispoñibilidade a curto, medio e longo prazo do recurso auga en cantidade e calidade. Un recurso que é básico, non só para os agricultores senón tamén para os gandeiros, a poboación en xeral, e a saúde do medio ambiente.

Sociedade Galega de Historia Natural entende perfectamente a actuación complexa que se está vivindo e, aínda que resulte estraño, desexa felicitar ao Seprona por realizar o seu traballo. Pero tamén desexa lembrar aos responsables (administracións e confederación) que non poden seguir mirando cara outro lado ou poñer parches. É preciso, e máis que urxente (levamos anos de atraso), traballar na procura de alternativas e implantar solucións ao problema hidrolóxico da Limia especialmente polos súas repercusións sobre o medio ambiente, a economía e a poboación limiá.

Comentar noticia

Your email address will not be published.