Veto do PP a garantir por Lei o afastamento das pirotécnicas e plantas de residuos das poboacións

Publicado por o día 10/09/2019 na sección de Política,PSOE

Veto do PP a garantir por Lei o afastamento das pirotécnicas e plantas de residuos das poboacións

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición de Lei do PSdeG para afastar ás pirotecnias e ás plantas de xestión de residuos das zonas residenciais. Vilán reclamou garantías para a saúde e a seguridade dos veciños e evitar casos como a explosión dunha pirotecnia en Paramos –Tui-, ou os proxectos de vertedoiros de Casalonga –Teo- ou de Miramontes –Grixoa-.

Vilán propuxo hoxe modificar a Lei do Solo para “darlle aos galegos e galegas unha norma que lles ampare fronte aos vertedoiros e as pirotecnias a carón das súas casas”, protexendo á vez, “a saúde das persoas e o medio ambiente”. A responsable socialista urxiu a “rematar coa indefensión á que se ven abocadas veciñas e veciños e esixindo condicións medioambientais máis esixentes e efectivas”.

A proposta fixaba unha marxe de 2.500 metros dos núcleos rurais ou urbanos e de 1.000 metros da vivenda máis próxima para situar estas instalacións, agás decisión contraria do planeamento municipal. Explicou ademais que o goberno galego tería dous anos para coñecer a existencia de instalacións que incumpran estes límites, e prevía convenios entre o goberno galego e os concellos que carezan de medios suficientes para obter os informes que a Lei prevé sobre estas instalacións.

Vilán sinalou a necesidade de limitar o risco de “empresas que promoven, lexitimamente, instalacións de actividades perigosas en solo rústico ou preto de zonas residenciais”. En realidade, dixo, os proxectos de xestión de residuos “acaban sendo vertedoiros pouco garantistas respecto da protección do medio ambiente e sen plans de restauración fiables e efectivos”.

Ademais, a lexislación actual –explicou- fai recaer nos concellos a obriga de ter que emitir informes sobre as solicitudes e a compatibilidade urbanística dos proxectos, obviando a precariedade dos medios municipais.

Así tiveron lugar situacións como a da antiga canteira de Casalonga, en Teo, que o grupo Toysal intentou converter nunha planta de biogás e posteriormente nun vertedoiro de residuos non perigosos. Advertiu que este proxecto “podería levar a unha situación semellante á de Miramontes, en Grixoa –Santiago- “incluíndo o baleirado dunha lagoa”.

No caso de Compostela, explicou, foi a Fiscalía de medio Ambiente de Galicia quen abrira dilixencias de investigación penal no pasado outubro por un delito contra o medio ambiente baseado nas actas de inspección da Consellería de Medio Ambiente entre os anos 2010 e 2018 que “marcaban irregularidades e un posible delito medioambiental e que o goberno galego obviou”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.