“Veto gobernamental” do PP contra o uso do galego na Xustiza

Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Política,PSOE

“Veto gobernamental” do PP contra o uso do galego na Xustiza

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, denunciou hoxe o “veto gobernamental” imposto polo PP contra a normalización do uso do galego na Xustiza. Así o dixo logo de coñecer o voto en contra dos conservadores galegos contra unha proposta socialista presentada en Comisión para reivindicar a implicación da Xunta no impulso do uso da lingua galega na Xustiza.

A responsable socialista sinalou que “seguro que Vox estará encantado con este veto que veñen de impoñerlle hoxe vostedes ao galego” opoñéndose a pedir o cumprimento, explicou, da Lei de Normalización Lingüística impulsada polo ex presidente do PP Manuel Fraga en 1983. Vilán lamentou a escasa implicación do goberno galego no impulso do uso da lingua galega na Xustiza, que a día de hoxe é “absolutamente residual”.

Patricia Vilán reclamoulle á Xunta que faga efectiva a Lei de Normalización Lingüística, que insta á Xunta a promover a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza. Explicou que o interesado ten dereito a ser notificado na lingua oficial que elixa, polo que lle reclamaba así á Xunta “que utilice o galego en todos os procedementos procesuais e solicite que tanto as sentenzas como os expedientes sexan elaborados nesta lingua”

A responsable socialista alertou do descoñecemento oficial do número de sentenzas ditadas en galego dende 2009 ata o día de hoxe “e nin intención de telos” por parte da Xunta. Denunciou ademais que agochen os datos das demandas presentadas pola Asesoría Xurídica da Xunta en galego, así como os escritos de acusación presentados polo Executivo tamén en Galicia dende 2009.

Advertiu ademais que “pese a telo aprobado como proposta de Resolución no debate do Estado da Autonomía do ano 2018, non hai ningunha partida dos Orzamentos de 2020 que faga referencia á implantación do galego na Xustiza”. E iso, dixo, a pesares de que así o recomenda o IV Informe do Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.