Vía ciclista en Vigo, condición necesaria pero non suficiente

Publicado por o día 25/01/2017 na sección de Social,Verdegaia,Vigo

Vía ciclista en Vigo, condición necesaria pero non suficiente

Por Verdegaia

O Concello de Vigo ven de presentar o proxecto para unha vía ciclista que enlazará Samil con Teis.

Dende Verdegaia aplaudimos a iniciativa na espectativa de que supoña un punto de inflexión na política de mobilidade que ven realizando a corporación local, recordemos que o alcalde foi presidente da Rede de cidades polo clima e que ata o de agora non tiña tomado ningunha medida para solucionar o abandono ao que están sometidas as persoas que se desprazan en bicicleta pola cidade. Lonxe de ser a solución para este problema, un proxecto como este tornábase necesario para promover a mobilidade sostíbel na cidade e para transmitir á cidadanía a idea de que a bicicleta ademais de para o ocio tamén desempeña un papel importante como medio de transporte.

Este proxecto pretende unir Samil con Teis pasando por Camelias e Travesía de Vigo, un corredor con tráfico elevado pero non o máis necesario se observamos o fluxo diario de desprazamentos en bici. Tal como Verdegaia propuña co gallo do Día da bicicleta de 20131, o principal eixo está entre García Barbón e praza América pasando pola Porta do Sol e Pi y Margall. A atracción deste eixo débese á case completa ausencia de desniveis e ao feito de unir o centro da cidade coa zona máis poboada da cidade.

O proxecto agora presentado segrega en case todo o itinerario a bicicleta do restante tráfico. O que por un lado é positivo para incentivar as persoas que ata o de agora non se atrevían a mesturarse co agresivo tráfico motorizado que tanto caracteriza a nosa cidade. Pero tamén ten un lado negativo xa que nos principais cruces, como por exemplo a praza América, a bicicleta debe rodear a praza e adaptarse aos tempos semafóricos dos peóns o que lle fará perder competitividade respecto aos vehículos motorizados. De todas formas, e tal como se explicou durante a presentación, o uso da vía ciclable terá carácter voluntario, de modo que as ciclousuarias que así o prefiran poderán circular pola calzada.

Dende Verdegaia consideramos que a promoción da bicicleta como vehículo de transporte urbano non se pode limitar a unha rede de carrís bici. Os carrís bici desempeñan un papel vertebrador e de estímulo ás ciclistas noveis pero o obxectivo último debe pasar necesariamente pola paulatina integración da bicicleta no tráfico. A imposibilidade de dotar todas as rúas da cidade con carrís bici, obriga a incidir no calmado do tráfico reducindo a velocidade máxima a 30km/h e a realizar campañas de sensibilización de modo a inculcar unha mentalidade de respecto entre todas as usuarias das vías públicas.

A participación do alcalde durante a presentación deste proxecto foi máis un exemplo da actitude prepotente á que nos ten habituado, deixando en evidencia o seu talante de superioridade cando sometido a preguntas incómodas. Aínda que pareza unha utopía, seguimos agardando que esa actitude cese nalgún momento e que os proxectos que se leven a cabo na cidade sexan sometidos a verdadeiros procesos de participación pública nos que se permita a participación de todas as asociacións sen discriminación. Polo que ao remate da presentación aproveitamos para lle deixar o contacto da nosa asociación.

1.- Proposta de Corredor Ciclable Prz.América-G.Barbón –http://verdegaia.org/index.php/urbanismo-infraestruturas-e-territorio/1471-proposta-de-corredor-ciclable-prz-america-g-barbon

Una respuesta para "Vía ciclista en Vigo, condición necesaria pero non suficiente"

  1. Gamela   25/01/2017 at 17:04

    Tarde, mal e veremos se non é outro ANUNCIO da Alcaldía… como todo en Vigo!

    Se chega a facerse realidade este carril bici terá como dí Verdegaia un efecto chamada a novos usuarios da bicicleta (que non é mala cousa) pero calquera que utilice a bici en Vigo sabe que o tramo Camelias-Venezuela-Corte Inglés-Pizarro-Choróns-Trav.Vigo é un tramo MALDITO polo nivel de tráfico e, con sorte, será un carril que se empregue os fins de semana… por familias con nenos.

    Cre o alcalde que non temos en Vigo outro itinerario máis APETECIBLE para circular en bici ?

    Se Porto de Vigo e Concello de Vigo fosen capaces de falar de algo máis que de CARTOS verían que teñen un itinerario moito máis apetecible para facer da bicicleta un vehículo de mobilidade e de lecer conectando TEIS – BOUZAS – BAIONA – A GUARDA ! Máis de 50 Kms dos que apenas faría falta resolver apenas 6 Kms entre Teis e Samil…

    Pensar en FUTURO non é precisamente o que lle gusta a Abel, de feito este carril disque terá un prazo de execución de DOUS anos… xusto cando se convoquen eleccións municipais, así poderá volver a sacarse a foto nunha bici dous minutos…!

    En fin, son tantos anos pedindo atención á bicicleta que todo que que cae na rede será peixe…

    Aquí deixamos o proxecto de CARRIL BICI que consideramos máis axeitado para unha Cidade Fermosa que naceu do MAR e quere volver recuperar o seu MAR a súa Ría e a Bicicleta…

    VER os CINCO vídeos desta lista remitidos á Alcaldía no verán de 2015…

    https://goo.gl/WBSHO4