Vía Galega, a Plataforma en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, convoca para este sábado 14 de decembro máis de 45 concentracións que se organizan de xeito simultáneo en cidades e concellos galegos ao abeiro da campaña “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía e traballo digno”.
“Estamos inmersos nunha campaña para denunciar as consecuencias negativas que ten a emigración en Galiza, que é un problema estrutural”, destacou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega. Estas mobilizacións que se van desenvolver ás 12:00 diante da casa do concello de 46 localidades hai que encadralas nesta campaña que inclúe a presentación de mocións nos concellos, reunións cos grupos parlamentarios, debates e palestras en cidades como A Coruña, Compostela e Ourense.
Os propios datos oficiais son “alarmantes” das consecuencias da emigración en Galiza, “que supón un drama nacional, social e persoal”, sinalou, “como despoboamento, avellentamento e desarraigamento, ademais da fenda que provoca nas persoas que se ven na obriga de emigraren”.
Nos últimos 10 anos, 80.000 mozos e mozas víronse obrigados a emigrar por falta de oportunidades dun traballo digno con estabilidade no propio país “e, polo tanto, estamos ante a vulneración dun dereito que consideramos fundamental como é traballar e vivir na propia terra”. Explicou tamén que máis de 216.000 persoas entre os 16 e os 59 anos tiveron que coller a maleta para emigrar na última década “e ante estes datos de emerxencia non podemos quedar impasíbeis e temos que tomar conciencia para atacar este problema que sofre un país rico como Galiza, con grandes recursos naturais e enerxéticos, con potencialidades económicas de traballo”.
“Isto débese á subordinación política, á falta de soberanía suficiente para decidirmos sobre o noso futuro, os nosos recursos e as nosas potencialidades e para desenvolver o país desde unha perspectiva autocentrada en base aos intereses do pobo galego e do propio país”, engadiu Louzao.
Referiuse tamén á “dependencia económica”, onde Galiza segue a desempeñar “unha función colonial na medida en que os nosos recursos son expropiados e espoliados, ao tempo que exportamos man de obra barata e drenamos grandes cantidades de aforro que serven para investir e desenvolver outros territorios do Estado español ou para o beneficio do capital transnacional”. Polo tanto, son causas “políticas e económicas”, indicou, que conducen á falta de traballo, emigración, despoboamento e á ausencia de “horizonte colectivo como propio país”.
Na área metropólitana de Vigo, as concentracións serán ás 12h nos respectivos lugares:
– Vigo, Praza da Princesa
– Redondela, diante do Concello
– Valmiñor, Cruce da Ramallosa
– O Porriño, diante do Concello
– Ponteareas, diante do Concello
– Tui, Praza da Inmaculada
– A Guarda, diante do Concello
– Moaña, diante do Concello
– Cangas, diante do Concello
No resto do territorio galego, as concentracións celebraranse diante da casa do concello dos seguintes municipios, agás en Nigrán, Sada, Pontevedra, Tui e Vigo, onde se indica o lugar escollido:
- A Coruña
- A Estrada
- A Guarda
- As Pontes
- Allariz
- Ames
- Arzúa
- Betanzos
- Cangas
- Carballo
- Cedeira
- Cee
- Celanova
- Compostela
- Fene
- Ferrol
- Lalín
- Lugo
- Malpica
- Marín
- Moaña
- Monforte
- Narón
- Nigrán (Cruce da Ramallosa)
- Noia
- O Barco
- O Porriño
- Ourense
- Padrón
- Pontedeume
- Ponteareas
- Pontevedra (Praza da Peregrina)
- Redondela
- Rianxo
- Ribeira
- Sada (Praza de San Roque)
- San Sadurniño
- Sarria
- Teo
- Tui (Praza da Inmaculada)
- Verín
- Vigo (Praza da Princesa)
- Vilagarcía de Arousa
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.