Vía Galega rexistra unha moción no Concello de Vigo para crear emprego digno e frear a emigración

Na última década 216.000 persoas tiveron que marchar de Galiza para atopar traballo, das que 80.000 eran menores de 30 anos
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Emprego,Galicia,Social,Vigo

Vía Galega rexistra unha moción no Concello de Vigo para crear emprego digno e frear a emigración

Representantes da plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 entidades sociais e culturais en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, rexistraron esta mañá unha solicitude de intervención no Pleno da próxima semana en Vigo e unha moción destinada a defender políticas que atallen a emigración coa creación de emprego digno. Esta iniciativa está enmarcada na campaña “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”, que se está a presentar en todos os concellos do país.

Na última década emigraron de Galiza 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, das que 79.529 eran mozos e mozas de 16 a 29 anos, por falta de oportunidades laborais no noso país, co que iso significa de perda de poboación.

A condición periférica e subordinada da economía galega, a destrución de parte importante da base produtiva, a precariedade no emprego e a ausencia de políticas ambiciosas de igualdade e fomento da conciliación están na base do devalo demográfico do país e do aumento da emigración.

Entre as medidas que recolle a moción está que o Concello de Vigo se dirixa ao Parlamento de Galiza para que tome en consideración a emigración como un drama social e nacional, conciba este problema como unha emerxencia nacional e outorgue prioridade ás políticas que ataquen as súas causas, ademais de instar a Xunta de Galiza a impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno e creen as condicións para favorecer o retorno das persoas emigradas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.