Vida e morte, drama e comedia confúndese na última montaxe de Sarabela Teatro

A programación cultural continuará o mércores co concerto do grupo galego De Vacas
Publicado por o día 29/11/2019 na sección de Eventos

Vida e morte, drama e comedia confúndese na última montaxe de Sarabela Teatro

Madame de Nancy, Clarina e Xan Dorne viaxan cara ao funeral de Madame de Quelven acompañados polo clérigo Sochantre. Durante a noite que pasan xuntos confúndese a morte coa vida e o drama coa comedia. E é que o funeral de Madame de Quelven contextualiza un universo viaxeiro poboado por bandidos, armas, sexo, diñeiro e sangue e nas Crónicas do Paraíso ninguén morre, quizais porque estean todos mortos ou porque o verdadeiro bandido, o poderoso, o socialmente envexado, ese, siga eternamente vivo.

A última montaxe de Sarabela chegou onte ao Teatro Vidal Bolaño, no que na cerimonia fúnebre que se puxo en escena sonou a música prometida en testamento polo Sochantre de Crozon a Madame de Quelven a cambio da propiedade do pomar do alto.  A actitude obstinada do clérigo, determinado a cobrar o que lle é debido, acaba por envolver aos cinco personaxes nun enmarañado conflito de valores, culpas e desexos que os leva a revelar os seus máis profundos segredos e pecados, descubrindo aos espectadores que todos son culpables criminosos protexidos, integrados e admirados por unha realidade social que exalta a beatitude do poder económico.

Dirixida por Gonçalo Guerrero, nesta versión libre das Crónica de Sochantre de Álvaro Cunqueiro, o elenco está formado por Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago.

Presentación do novo disco de De Vacas

A programación cultural continuará o vindeiro mércores día 4 coincidindo coa celebración no campus de Santa Bárbara, patroa da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, coa música do grupo De Vacas “catro vacas que cantan e rin”, como elas mesmas se definen, que presentarán ante o público universitario o seu novo disco Álbum Uno. Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, ás voces, e Guillerme Hernández á guitarra mesturan voces e guitarra, facendo versións, atinadamente “retranqueadas”, de temas internacionalmente coñecidos. De Vacas reivindican o “guachinein, esa lingua minorizada”, din elas, que tamén se recoñecen “amantes dos nosos poetas e de Enrique Iglesias”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.