Vigo acada un superávit de 12,2 millóns en 2017 e reclama poder adicalo a investimentos

O alcalde destacou que, grazas á “boa xestión” do goberno local, a cidade logrou o ano pasado aforrar máis de 12,2 millóns de euros pero alertou de que o Ministerio de Facenda impide que ese diñeiro sexa “reinvestido nos propios vigueses”.
Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Vigo acada un superávit de 12,2 millóns en 2017 e reclama poder adicalo a investimentos

O alcalde levará a próxima semana á Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) unha proposta para que o Ministerio de Facenda permita a concellos como o de Vigo reinvestir o superávit acadado grazas á “boa xestión” do goberno local.

O Concello de Vigo pechou o ano 2017 cun superávit de 12,2 millóns de euros e Abel Caballero reclamou ao ministro Cristobal Montoro que permita adicar este diñeiro a investimentos na propia cidade. “Pido unha inmediata solución para que podamos reinvestir os nosos aforros, somos bos xestores, deixamos de facer gastos innecesarios e aforramos 12 millóns, temos un superávit importante e reclamamos que se utilice en Vigo”, apuntou o rexedor.

Segundo explicou, a lexislación vixente impide aos municipios reinvestir o superávit, que teñen que destinar a saldar débeda. “Isto é un disparate, porque os municipios como Vigo que non teñen débeda que facemos. Vigo ten débeda cero e queremos dicir aos cidadáns que coa nosa eficiencia podemos facer outras cousas, falamos dun gran volumen de investimento”, engadiu o alcalde.

Caballero sinalou que, se o Parlamento de España non resolve esta cuestión, o superávit de Vigo irá “á caixa, pasará a quedarse en remanentes, diñeiro que queda metido nun banco”, polo que reclama que este aforro poida adicarse ao “benestar da xente de Vigo” e puxo como exemplo plans de emprego, política social, humanizacións, instalacións deportivas ou política cultural.

“Queremos usar os 12 millóns na cidade pero o prohíbe Montoro”, explicou o alcalde, quen engadiu que “reclamamos que ese diñeiro se utilice na cidade de Vigo; reclamamos que non se utilice desde a Xunta de Galicia, poño por caso, para Santiago ou Coruña, ou que non se utilice na Comunidade de Madrid, poño por caso, para o Concello de Madrid: queremos que se invistan en Vigo porque os aforramos en Vigo”, concluíu.