Vigo acolle este venres 22 unha reunión informativa polo nematodo do piñeiro

A Asociación Forestal de Galicia organiza un acto en Coruxo para prestarlle asesoramento a comunidades de montes veciñais e propietarios particulares
Por o 21/02/2019 | Sección: Galicia,Vigo
Vigo acolle este venres 22 unha reunión informativa polo nematodo do piñeiro

Ante a inquedanza que está a xerar entre as comunidades de montes e os propietarios forestais a ampliación da zona demarcada do nematodo do piñeiro, a Asociación Forestal de Galicia (AFG) está a organizar reunións informativas de acceso libre con montes veciñais e propietarios afectados pola medida.

O primeiro acto informativo desenvolveuse o pasado sábado en Tomiño, coa asistencia de máis de medio cento de representantes de montes veciñais, e mañá venres 22 de febreiro celebrarase unha segunda reunión en Vigo. Será ás 19.30 horas no local social da comunidade de montes veciñais de Coruxo (Subida San Sebastián, nº 23. Fragoselo – Coruxo).

Nas reunións, a Asociación Forestal de Galicia aportará información técnica e explicará as medidas adoptadas pola Xunta, así coma as restriccións que representan estas medidas para os propietarios forestais.

A AFG tamén lle trasladará ás comunidades de montes e ós particulares a súa experiencia de nove anos na xestión de cortas e traballos forestais na zona demarcada de As Neves, a primeira zona demarcada en Galicia polo nematodo do piñeiro, no 2010. Este ano, como é coñecido, produciuse a ampliación da zona demarcada do nematodo a todo o sur da provincia de Pontevedra, tras a detección de cinco novos focos da praga.

Os encontros convocados pola AFG serven ademais para recoller as inquedanzas dos xestores forestais sobre a praga do nematodo, a fin de darlle traslado das mesmas á Administración.

Comentar noticia

Your email address will not be published.