Vigo acolle o I Simposio Galego de Parques Urbanos o 27 e 28 de novembro

O obxectivo do encontro é servir de espazo de debate sobre as melloras no sector. Na presentación en rolda de prensa participou o concelleiro de parques, Ángel Rivas, e o delegado en Vigo do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Roberto Carlos González.
Publicado por o día 25/11/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Vigo acolle o I Simposio Galego de Parques Urbanos o 27 e 28 de novembro

O I Simposio Galego de Parques Urbanos celébrase no Auditorio Municipal o 27 e 28 de novembro, organizado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia en colaboración co Concello e a Deputación de Pontevedra.

Segundo explicou o concelleiro de parques, Ángel Rivas, a finalidade do congreso é “debater e interactuar cos diferentes actores do sector sobre melloras posibles en normativas, deseño, innovación en parques urbanos para adaptalos aos novos tempos co máximo respecto medioambiental e sostibilidade”.

Roberto Carlos González, delegado en Vigo do colexio de Enxeñeiros Industriais, apuntou que se trata do primeiro encontro destas características que se celebra en Galicia e que vai proporcionar un espazo de difusión para facer unha posta en común e debater sobre o sector, en cinco sesións con 13 poñencias impartidas por profesionais de prestixio nacional. Segundo avanzou, van abordar o concepto de parques urbanos, o deseño, novas tecnoloxías de aplicación aos elementos de xogo e mobiliario, tendencias do sector, normativa e cambios lexislativos. Neste momentos, hai inscritos 210 profesionais de toda Galicia.

Gilberto Moldes, técnico municipal da área de parques, montes e xardíns apuntou que a cidade conta con 116.000 metros cadrados de parques con 141 parques infantís, 73 áreas ximnásticas e 96 áreas deportivas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.