Vigo acolle por primeira vez o congreso nacional de ciruxía pediátrica

Máis de 170 cirurxiáns pediátricos asistirán ao evento, que contará tamén con relatores de prestixio internacional
Publicado por o día 23/05/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Vigo acolle por primeira vez o congreso nacional de ciruxía pediátrica

Vigo será a sede, a partir de mañá, do LVIII Congreso Nacional de Cirurxía Pediátrica, que se celebrará na sede de Afundación. É a primeira vez que a Sociedade Española de Cirurxía Pediátrica elixe a cidade viguesa para o seu
congreso.

Ata o vindeiro sábado serán máis de 170 cirurxiáns pediátricos os que asistirán ao evento anual. Durante as sesións expoñeranse 250 traballos científicos de máxima actualidade na especialidade, e haberá relatores de recoñecido prestixio internacional.

O congreso contará con catro mesas redondas sobre os últimos avances en uroloxía pediátrica, cirurxía plástica en pacientes menores de 15 anos, laparoscopia e cirurxía oncolóxica pediátrica. En cada unha delas disertarán os máis importantes cirurxiáns pediátricos españois nos seus respectivos campos das súas subespecializacións.

Con anterioridade ao congreso, hoxe desenvólvense no Hospital Álvaro Cunqueiro dous cursos formativos. O primeiro, sobre sutura laparoscópica avanzada e o segundo, sobre o emprego de láser CO2 en cirurxía pediátrica. Esta última é unha técnica de máxima actualidade que xa se realiza en adultos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e que se pretende implantar en breve en pacientes en idade pediátrica.

Importante actividade

Os cirurxiáns pediátricos do CHUVI realizan ao redor de 900 operacións ao cabo do ano, o que supón unha importante actividade equiparable a outros hospitais de terceiro nivel de España.

Entre as intervencións cirúrxicas realizadas no último ano destacan as relacionadas con malformacións conxénitas nos pacientes e as de uroloxía pediátrica.

O Álvaro Cunqueiro conta, ademais, cunha das unidades de recuperación cirúrxica pediátrica máis moderna e na que se implantaron de forma especial os criterios de humanización, coa posibilidade de que os pacientes poidan estar acompañados dos seus familiares de forma permanente, tanto antes como con posterioridade á intervención.

Comentar noticia

Your email address will not be published.