Vigo acolle un faladoiro sobre soberanía alimentaria

Publicado por o día 22/09/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Vigo acolle un faladoiro sobre soberanía alimentaria

A Marcha Mundial das Mulleres desexa convidarvos ao faladoiro sobre Soberanía Alimentaria que terá lugar o vindeiro xoves 26 de Setembro, no local de Arbore (Rúa López Mora, 30) e que contará, coa presenza da Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.

Na semana na que a mocidade, e os movementos sociais, impulsados polos colectivos ecoloxistas convocan actos e mobilizacións para por o foco de atención na importancia que ten o clima sobre as nosas vidas e reivindicar a importancia de cambiar os nosos hábitos para preservar o clima, que tanto nos afecta, a Marcha Mundial das Mulleres que entre os seus obxectivos estratéxicos de acción contempla o do ben común e o acceso aos recursos, non podía quedar ao marxe destas reivindicacións; querendo por o énfase nesta charla no Dereito dos pobos á soberanía alimentaria, entendido como aquel dereito dos pobos a alimentos nutritivos e culturalmente axeitados, accesibles,
producidos de forma sostible e ecolóxica, e o seu dereito a decidir o seu propio sistema alimentario e produtivo, pondo o seu foco no vínculo importante entre a muller e a terra.

O feminismo, e nomeadamente o ecofeminismo, vén denunciando a desigualdade brutal no reparto da terra e a necesidade de coidar a natureza como sustentadora da vida.

A Marcha Mundial das Mulleres fai unha crítica integral ao actual modelo e aposta por un feminismo antisistema que se opoña á actual orde capitalista, patriarcal, racista, e colonial.. Por iso as súas accións van encamiñadas a desenvolver e implementar accións e propostas que denuncien as institucións económicas e financeiras que promoven a explotación e degradación dos nosos recursos, cambio climático e perda de biodiversidade. Loitar por unha autoxestión dos nosos recursos ambientais que se basee nun modelo de desenvolvemento que respecte as necesidades básicas das xeracións presentes e futuras; sabendo que esa aposta non é fácil nin cómoda, mas é a máis coherente coa nosa defensa dunha sociedade con novas relacións, con outras formas de organizar o traballo, da dignidade da xente do rural e de garantir a substentabilidade.

Sabemos tamén que o horizonte de transformación e formas de loita constrúense en cada momento analizando o contexto e a realidade máis próxima a cada muller; e implementando accións que comecen co cambio dende cada comunidade ou localidade.

Neste empeño de construír un feminismo que transforme o mundo e a vida das mulleres a afirmación do carácter anticapitalista, antipatriarcal e antirracista do feminismo é esencial para construír unha sociedade diferente que coloque a vida no centro.

Por iso nesta charla escoitaremos como Isabel fai unha análise da realidade das mulleres galegas, o seu vínculo co mar e a terra e a súa incesante loita contra institucións públicas e privadas, que tentan afastalas dos seus medios de vida e produción tradicionais. En definitiva por no centro a muller como motor do cambio e da loita por un mundo que preserve un planeta máis xusto, máis respectuoso co medio, máis igual, sen violencia e garanta o acceso ao ben común e aos recursos naturais.