Vigo acollerá unha proba do World Padel Tour de 2019 a 2022 polo seu “ámbito mundial”, di o alcalde

Abel Caballero presentou hoxe venres un acordo polo que a cidade recibirá dende 2019 a 2022 un torneo Open do World Padel Tour, o circuíto mundial profesional deste deporte. Do 5 ao 12 de maio de 2019, Vigo recibirá esta competición, tanto masculina como feminina, coas mellores e os mellores xogadores de pádel do mundo. O Ifevi, onde se montarán dúas pistas panorámicas, recibirá os cadros de honra do campionato.
Publicado por o día 26/12/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Vigo acollerá unha proba do World Padel Tour de 2019 a 2022 polo seu “ámbito mundial”, di o alcalde

“É o circuíto profesional de pádel máis importante a nivel mundial e máis de 150 parellas disputarano, entre eles un número importante de xogadores galegos e de Vigo”, subliñou o alcalde. Caballero deu tres motivos para acadar este acordo: “Gústanos o pádel especialmente; gústanos todo aquilo que ten ámbito mundial e isto é dese nivel; e gústanos porque é unha movilización deportiva dunha modalidade que tanta xente practica en toda Galicia”.

O xefe do goberno local desexa “mobilizar á cidade en torno a este evento tan importante”, e lembrou que o seu retorno económico será “moi importante”. De feito, Luis Torres, director de Expansión Nacional do WPT, confirmou a formulación do rexedor asegurando que “o retorno oscila entre o millón trescentos mil euros e 1,9 millóns, e estou convencido de que en Vigo imos estar na parte alta da variable”.

Ao alcalde e a Torres acompañáronos na rolda de prensa Arsenio Prieto, director do Ifevi, Manuel Fernández, presidente da Federación Galega de Pádel, e Manel Fernández, concelleiro de Deportes.

O presidente federativo amosouse moi satisfeito por este acordo de catro anos: “O World Padel Tour move unha cantidade de xente incrible e para esta cidade vai ser moi bo ter esta proba porque vai repercutir en todo. Será un éxito e un espectáculo”, dixo.

O pádel, segundo explicou Torres, que citou datos do Consejo Superior de Deportes de 2015, “é o segundo deporte colectivo máis practicado en España con máis de 5 millóns de xogadores, dos cales 1,7 millóns realízano semanalmente; un 38% son mulleres”.

Concello e WPT anunciaron que colexios, asociacións con persoas de mobilidade reducida e asociacións de discapacitados funcionais ou intelectuais terán entrada gratuíta de mércores a venres en horario de mañá e en grupos organizados. “Entendemos que o pádel e o deporte son fundamentais tanto para a nosa mocidade como de vehículo de inclusión social”, apuntou Torres.