Vigo acolleu a presentación do proxecto “PEIRAOS DO SOLPOR”. Como un porto que pode axudar ao aumento da biodiversidade e integrar Porto-Cidade

A Conselleira de Medio, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a Vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, Mª Consolo Pérez Vázquez, participan na presentación do Proxecto “Peiraos do Solpor” que tivo lugar no Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria.
Publicado por o día 07/05/2019 na sección de Galicia,Vigo

Vigo acolleu a presentación do proxecto “PEIRAOS DO SOLPOR”. Como un porto que pode axudar ao aumento da biodiversidade e integrar Porto-Cidade

Dentro da Estratexia Blue Growth liderada pola Autoridade Portuaria de Vigo, presentouse esta mañá o proxecto “Peiraos do Solpor”, un proxecto pioneiro no mundo co que se pretende crear portos vivos que contribúan á xeración de biodiversidade mediante o uso de sistemas artificiais que xeren hábitat nos portos, pero, á vez, cun obxectivo que sirva de concienciación e permita o gozar e coñecemento por parte da cidadanía.

Neste sentido, o Porto de Vigo encomendou á empresa israelita Econcrete, especialistas en proxectos ecolóxicos a nivel mundial, e á Universidade de Vigo, o deseño e creación destes ecosistemas e o deseño e construción dun observatorio submarino para os cidadáns, co obxectivo de sensibilizar e dar a coñecer a riqueza da nosa Ría.
Un evento que contou coa participación da Conselleira de Medio, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a Vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, Mª Consolo Pérez Vázquez.
Ao ser un proxecto complexo e innovador decidiuse facer por fases. Hoxe asinouse o contrato entre a Universidade de Vigo e a Autoridade Portuaria para o comezo da primeira fase, que consistirá en poñer 27 cordas e estruturas innovadoras para conformar un xardín submarino, onde as algas póidanse adherir e, ademais, sirva de lugar de cría de peces e outros animais. Para iso, vai empregar o pantalán de prácticos, situado á entrada do peirao de transatlánticos, e durante seis meses vai monitorar pola Universidade o crecemento biolóxico da devandita zona. A segunda fase consiste na realización de plantación de zoostera (a poseidonia do Atlántico) en diversas zonas de Bouzas, de competencia da Autoridade Portuaria. Na terceira fase, que xa está en marcha coa empresa Econcrete, está a deseñarse un pantalán flotante innovador, cunha parte de observatorio submarino, para que a xente poida observar a biodiversidade que se está creando nestas zonas do Porto de Vigo.

O obxectivo final do proxecto é crear a primeira área ou Ecoreserva do Porto de Vigo. Esta zona atoparase entre o Museo do mar e o paseo de Bouzas, unha zona que se poida converter nun lugar de cría e de aumento da biodiversidade da nosa esplendida Ría, de captación de Co2 a través da fixación de algas, ademais dunha área de goce da cidadanía, desde a que se poida observar o SOLPOR.

Deste xeito, o Proxecto “Peiraos do Solpor” contribuirá, de forma específica, á conservación dos océanos, a traballar na mitigación dos efectos do cambio climático e, sen dúbida, a achegar un novo espazo na cidade que todos nós podamos gozar. E sempre, tecendo alianzas con entidades de investigación, as diferentes administracións rexionais e nacionais, empresas e a sociedade civil; doutra maneira, non poderiamos facelo.
 
Finalizou a súa intervención o Presidente da Autoridade Portuaria parafraseando á Sra. Bruntland, en Nacións Unidas: “A sustentabilidade é o desenvolvemento que satisfai as necesidades do presente sen comprometer a capacidade das futuras xeracións, garantindo o equilibrio entre o crecemento económico, o coidado do medio ambiente e o benestar social”, e esta idea, en definitiva, é para o Porto de Vigo o fundamento do deseño do Proxecto que se presentou, unha contribución á Axenda 2030 e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que derivan dela.

Comentar noticia

Your email address will not be published.