Vigo analizará con investidores chineses a posibilidade de instalar unha planta de baterías para coches eléctricos

Publicado por o día 07/11/2019 na sección de Galicia,Motor,Vigo

Vigo analizará con investidores chineses a posibilidade de instalar unha planta de baterías para coches eléctricos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado de Zona Franca, David Regades, reuniranse o vindeiro martes coa ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, para analizar a posible “captación de investidores chineses” interesados en instalar unha planta de baterías para coches eléctricos.
 
Así o trasladou o rexedor en rolda de prensa, e sinalou que esta reunión producirase aproveitando a celebración, en Madrid, dun foro sobre automoción eléctrica, no que estarán presentes decenas de empresas de Chinesas relacionadas co coche eléctrico e autónomo.
 
“Imos analizar as posibilidades de instalar en Vigo unha fábrica de baterías”, avanzou Caballero, quen evitou concretar unha localización, aínda que sinalou que dita localización dependerá da “présa” que teñan eses investidores.
 
Así, aínda que avogou por que a planta estea en chan vigués (para o que sería necesaria unha tramitación urbanística específica pola falta de chan industrial), recoñeceu que a Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves tamén “sería unha posibilidade”. “Eu estaría encantado de que viñesen ao ‘gran Vigo’. O que faremos é darlles as máximas facilidades e que elixan eles”, apostilou.