Vigo asesora a universidades balcánicas sobre a creación de plataformas de micro-learning

Para actualizar os estudos de enxeñaría eléctrica en Bosnia, Montenegro, Serbia e Kosovo
Por o 21/02/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
Vigo asesora a universidades balcánicas sobre a creación de plataformas de micro-learning
Compartir en:

O proxecto Elemend (Electrical Energy Markets and Engineering Education) está deseñado para facilitar que os plans de estudo relacionados coa Enxeñaría eléctrica nas universidades dos Balcáns occidentais sexan competitivos a través da ensino e a capacitación en tecnoloxías de redes e microrredes intelixentes e nos mercados de electricidade. Tras esta proposta están universidades de España, Austria, Letonia, Bosnia e Hercegovina, Montenegro, Serbia e Kosovo. Vigo é a única representante estatal e esta semana acolle o quinto obradoiro de traballo, na que están a participar representantes de varias das institucións implicadas.

Cun orzamento de 930.543 €, este proxecto Erasmus + botou a andar en outubro de 2017 e finaliza no mesmo mes de 2020, dentro da acción CBHE (Capacity Building in the Field of Higher Education). A súa posta en marcha responde a un contexto de novos paradigmas das redes e mercados da electricidade, que require que o persoal deste sector teña unha formación innovadora, xa que como explican os seus impulsores “é preciso cambiar os plans de estudo” de enxeñaría eléctrica nestes países porque “están deseñados para servir ao modelo convencional dunha rede eléctrica a grande escala, propiedade e operada por unha empresa”. A iniciativa global está coordinada dende Grecia pola Technologiko Ekpaideftiko Idryma Stereas Elladas Teiste, sendo a profesora da EE de Telecomunicación Rebeca P. Díaz a coordinadora do proxecto na Universidade de Vigo, no que están tamén implicados os docentes Ana Fernández Vilas e Manuel Caeiro, do mesmo centro.

A xuntanza en Vigo arrancou este xoves e alongarase ata o mañá venres para avanzar no emprego das tecnoloxías de información e comunicación no ensino, en concreto, centrándose nas plataformas de micro-learning. A vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Mª Isabel Doval, foi a encargada de darlle a benvida ás e aos participantes, xunto con Eva Garea, técnica superior da Oficina de Relacións Internacionais responsable de coordinar os proxectos da UE e a investigadora Rebeca P. Díaz.

As TIC na docencia

No marco do proxecto, un dos obxectivo para actualizar formación en Enxeñaría Eléctrica é, como explica Rebeca P. Díaz, “dotar a ás universidades dos Balcáns occidentais dunha plataforma de micro-learning”. Esta é a parte do proxecto na que “destaca a participación do equipo da Universidade de Vigo, que conta cunha extensa experiencia na innovación e investigación na aplicación de TICs á docencia”. O labor das e dos investigadores vigueses é deseñar a plataforma, acorde ás necesidades do proxecto e das universidades de Bosnia e Hercegovina, Montenegro, Serbia e Kosovo, así como formar os equipos destas institucións, tanto tecnólogos como docentes, para que poidan desenvolver, despregar e empregar convenientemente esta tecnoloxía”. Estes son os obxectivo da xuntanza en Vigo destes días, na que participan arredor de 20 representantes de universidades de Bosnia e Hercegovina, Austria, Kosovo e Serbia, ademais da de Vigo. O programa da reunión aborda o emprego das TIC na micro aprendizaxe, centrándonse principalmente en perfeccionar o deseño da plataforma de micro-aprendizaxe.

Potenciar a formación en enxeñaría eléctrica

A finalidade xeral do proxecto Elemend é proporcionar a Bosnia e Hercegovina, Serbia, Montenegro e Kosovo profesionais de alto perfil en tecnoloxías intelixentes de microrede e mercados emerxentes de enerxía eléctrica en liña coas necesidades da sociedade e o mercado dos Balcáns occidentais. Agárdase que o desenvolvemento de capacidades no persoal académico de enxeñaría e os estudantes, así como no público en xeral, a través de actividades de difusión, “cree unha contorna favorable para os negocios relacionados coa enerxía e modifique o comportamento do usuario da electricidade”. Os socios do proxecto esperan que os resultados, como por exemplo cursos de aprendizaxe electrónica, aplicacións gamificadas, laboratorios virtuais, novos cursos ou programas de mestrado atraian novo alumnado e grupos obxectivo relevantes despois da vida útil do proxecto e permitan aumentar a conciencia pública.

Comentar noticia

Your email address will not be published.