Vigo Bike Contest, esta fin de semana, chega “cargado de emoción” pola gran resposta dos “bikers”

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou a Vigo Bike Contest 2017, o XVIII Trofeo Cidade de Vigo, que este ano abrangue dúas fins de semana, esta (11 e 12 de marzo) e a do 8 e 9 de abril, cando se celebrará o maratón BTT do circuíto Transgalaica.
Publicado por o día 09/03/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

Vigo Bike Contest, esta fin de semana, chega “cargado de emoción” pola gran resposta dos “bikers”

Os montes de Coruxo serán a referencia habitual desta nova edición da proba vicedecana do mountain bike español que o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, cualificou de “acontecemento importante” ao ser por vez primeira clasificatoria para o circuíto mundial de Enduro, as Enduro World Series de 2018.

O edil anunciou que este ano será novidade o cambio de saída e meta, que pasa de Fragoselo a Saiáns, e o éxito de participación, que acada os 250 “bikers” de toda España e Portugal e que creceu nun 46% sobre o ano anterior.

Acompañado por Guillermo Janeiro, organizador do trofeo, Begoña Carpinteiro, secretaria xeral da Federación Galega de Ciclismo, Javier Sánchez, promotor do circuíto Transgalaica, e Marcial Rodríguez, patrocinador, o responsable político do deporte local asegurou que esta é “unha proba cargada de interese, emoción e paixón nunha fermosa contorna natural”.

Carpinteiro, en representación do presidente federativo, Carlos Muñiz, lembrou que se di que Vigo é o berce do mountain bike español e Guillermo Janeiro é o artífice diso”, e apludiu o esforzo habitual para cada ano contar na cidade cunha proba de “alto nivel nacional ou internacional”.

Janeiro, pola súa banda, amosouse “moi satisfeito” polo número de inscritos, apuntou nomes de nivel liderados polo vigués Toni Ferreiro e o nigranés Óscar Martínez del Campo, vencedor en 2016, e a participación de Markel Uriarte ou Álvaro Haro, entre outros. “Gústame transmitir que, ademais dos quince ou vinte ciclistas que veñen competir polos primeiros postos, é este un evento de gozar da bicicleta”, sostivo o responsable de Singletrack Outdoor Sports, dando valor ao resto de corredores.

Este sábado os participantes poderán tomar contacto co circuíto na xornada de adestramentos; a competición é o domingo. E o 9 de abril, a Transgalaica en Candeán.

Durante a rolda de prensa, na que Manel Fernández felicitou á organización polo seu traballo a prol do deporte vigués, lembrouse que os campións de España Elite de Enduro, Ultramaratón e Descenso son todos vigueses: Brandán Márquez, Toni Ferreiro e Ángel Suárez.