Vigo celebra o Día da Música con actuacións na Porta do Sol e nos xardíns de Castrelos

Segundo informou Abel Caballero, Macarena Montesinos e Nuria Sotelo ofrecerán o seu espectáculo “Quen canta seu mal espanta” este venres ás 20h na Porta do Sol, mentres que o domingo, ás 19:30h nos xardíns históricos do Pazo de Castrelos, actúa a Orquestra Clásica de Vigo. Ambos concertos contarán con medidas de seguridade.
Publicado por o día 17/06/2020 na sección de Concello de Vigo,Eventos,Galicia,Vigo

Vigo celebra o Día da Música con actuacións na Porta do Sol e nos xardíns de Castrelos

O domingo 21 de xuño conmemórase o Día Europeo da Música e Vigo acollerá dúas actuacións gratuítas para celebrar a data, segundo trasladou este mércores o alcalde en rolda de prensa.

Ás 19:30 horas do propio domingo actuará a orquestra clásica de Vigo nos xardíns históricos do Pazo de Castrelos, na solaina de Concepción Areal. A entrada será gratuíta ata completar aforo e o programa, duns sesenta minutos de duración, consta de dúas sinfonías de Haydn e Mozart.

Concello e formación adoptan medidas de seguridade extraordinarias de precaución polo coronavirus. Os músicos manterán distancias e levarán máscaras (en función do instrumento), haberá paneis de metacrilato e empregarán as cadeiras imprescindibles. Para o público, control de aforo para garantir o acceso escalonado, distancia de seguridade entre as butacas, que estarán desinfectadas, e obrigación de uso de máscaras faciais.

Antes, este venres 21 de xuño, Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra programan o espectáculo de violoncello e danza contemporánea a cargo de Macarena Montesinos e Nuria Sotelo, co nome “Quen canta seu mal espanta”. Será ás 20 horas na Porta do Sol, tamén con duración estimada de sesenta minutos, e trátase dunha proposta nova creada para a ocasión.

Esta cita igualmente prevé a adopción de medidas de seguridade, con aforo controlado para o público, que terá que estar sentado, con accesos e itinerarios á zona delimitada. O uso da máscara por parte do público é obrigado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.