Vigo celebrará un faladoiro sobre os “Servizos Sociais, experiencias e propostas”

Por o 09/01/2019 | Sección: Galicia,Social,Vigo
Vigo celebrará un faladoiro sobre os “Servizos Sociais, experiencias e propostas”
Remata o Nadal, mais a resaca lumínica non nos impide seguir querendo pular pola transformación social. Logo de semanas de xuntarnos, trazar ideas, diseccionar orzamentos municipais, crear panxoliñas, repartir postais, desafinar nas rúas, turistear criticamente, xuntar forzas… vimos a necesidade de trazar un encontro no que poder entrelazar as fendas sociais municipais que fomos detectando nestes días de traballo colectivo. É por iso que propomos a creación dun espazo común no que partillar e dar a coñecer as diferentes experiencias e realidades entorno á situación dos Servizos Sociais do concello vigués.
Dende a Asemblea por un Vigo +Social convidámosvos a participar no faladoiro: “Servizos Sociais en Vigo, experiencias e propostas”. Será o venres 11 de xaneiro ás 18:00 na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa 2, Vigo). O faladoiro será dinamizado pola voz de diferentes profesionais que traballan no ámbito da intervención social. Contaremos coa presenza de:
– Alba P. Vaquero: traballadora social e presidenta de Contorna Social, asociación galega de profesionais do traballo social na área de Vigo, que nace co obxectivo de crear espazos de intercambio profesional e persoal para a análise colectiva da realidade social.
– Ana Pardo Fernández: traballadora social de Provivienda, asociación que traballa na  promoción do dereito a unha vivenda digna.
– Iria Vázquez Silva: profesora de socioloxía na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, experta en xénero.

Comentar noticia

Your email address will not be published.