Vigo concentra o 48 por cento dos perceptores da Risga na provincia de Pontevedra, con 2.447 beneficiarios en agosto

O importe destinado á Renda de Inclusión Social e ás Axudas de Inclusión Social (AIS) supera no que vai de ano os 8,9 millóns de euros no concello vigués
Publicado por o día 01/09/2017 na sección de Galicia,Social,Vigo

Vigo concentra o 48 por cento dos perceptores da Risga na provincia de Pontevedra, con 2.447 beneficiarios en agosto

Vigo concentra o 48 por cento dos perceptores da Renda de Inclusión Social (Risga) da provincia de Pontevedra, cun total de 2.447 beneficiarios segundo os datos correspondentes o pasado mes de agosto. O importe destinado pola Administración autonómica a esta prestación na cidade ascende no que vai de ano a 8.585.552,73 euros. Cifra, esta última, á que habería que sumar os 333.296,67 euros que se destinan ás Axudas de Inclusión Social, cun total de 402 concedidas neste oitavo mes.

Dos datos se extrae ademais que a media de perceptores da Risga en Vigo é moi superior a provincial, do dobre exactamente, nunha proporción de 8,3 perceptores por cada mil habitantes fronte aos 4,018 que a reciben no conxunto da provincia pontevedresa.

Cómpre lembrar que pese a que a cidade representa unha terceira parte da poboación absorbe preto de cinco de cada dez euros destinados pola Consellería de Política Social á Renda autonómica de Inclusión Social.

En canto aos tempos de tramitación, a Xunta segue a axilizar ao máximo os prazos de concesión desta prestación, en cuxa tramitación interveñen os solicitantes, os concellos e, por último, a Xunta. Neste senso, cómpre destacar que Vigo é o concello da área que máis tarda en enviar os expedientes da Risga á Administración autonómica, superando os cinco meses.

Esta tardanza de máis de 150 días entre a data de solicitude ao concello e a de rexistro de entrada na Xunta prexudica gravemente aos veciños de Vigo, que nalgúns casos teñen que esperar ata sete meses para obter resposta. En canto á Administración autonómica segue a baixar os tempos de resolución respecto aos dous meses que marca a normativa.