Vigo contará con dous representantes nas olimpíadas do deporte universitario

O evento reunirá entre o 3 o 14 de xullo preto de 6000 deportistas
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Vigo contará con dous representantes nas olimpíadas do deporte universitario

Preto de 6000 atletas de 127 países e de 18 modalidades deportivas convivirán e competirán entre o 3 e o 14 de xullo na cidade italiana de Napolés, sede da XXX Universiada de Verán, as consideradas olimpíadas do deporte universitario. Un evento no que a Universidade de Vigo estará representado por partida dobre, xa que o estudante da Escola de Enxeñería Industrial Alejandro Losada e o alumno da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván García forman parte dos dez deportistas convocados pola Federación Española de Taekwondo para competir no torneo promovido pola Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU).

Como o “broche” á súa mellor tempada, na que competiu por primeira vez no Campionato do Mundo absoluto, salienta Iván García sobre a súa participación na Universiada, no seu caso na modalidade de combate. Este alumno do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte salienta así mesmo “a ilusión” coa que afronta un evento que, ao igual uns Xogos Olímpicos, implica tamén a convivencia cos e as deportistas das restantes disciplinas. Convivencia na que tamén fai énfase Alejandro Losada, estudante do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, que competirá na modalidade de técnica. Ao non ser esta unha disciplina olímpica “un mundial e unha Universiada é o máximo que podemos optar”, recoñece este alumno, que afronta este campionato como “un reto e unha experiencia inesquecible”. Ambos poñen ademais de relevo que a súa elección para formar parte da selección española neste torneo supón tamén unha “oportunidade única”, tendo en conta que tanto Losada como García enfrontáronse tamén nestas semanas aos que poderían ser os seus últimos exames antes de, unha vez realizado o seu traballo de fin grao, converterse en egresados.

O máximo ao que aspirar nas modalidades técnicas

No mes de marzo, Losada lograba a medalla de prata na competición individual de técnica no Campionato de España absoluto e o ouro, xunto a Raquel Guillén, na competición por parellas. Semanas despois, sumaría a estes éxitos outra prata na competición por parellas do Campionato de Europa e dous ouros no Campionato de Europa de Praia, así como outros dous ouros nos Campionatos de España Universitarios. Logros que contribuíron tamén a que Losada fose seleccionado, xunto con Guillén, como os dous representantes de España nas competicións de poomsae da Universiada, “un evento deportivo único, que me fai moita ilusión”, recoñece. Unha competición que, ao non ser esta unha disciplina olímpica, fai máis especial aínda a posibilidade de vivir “a experiencia de convivir con xente dos diferentes deportes, que é algo diferente ao que estamos acostumados cando vamos aos mundiais”.

Tratar de chegar o máis lonxe posible “e defender ao máximo o traballo que levamos facendo todo este tempo” son os obxectivos cos que o taekwondista adestrado por Samuel Meilán chega a esta Universidada. Nela terá en fronte a algúns dos mellores deportistas na súa modalidade, “xa que a xente que soe ir aos Campionatos do Mundo adoitan ser universitarios”. Nese senso, Losada recoñece que “en individual sería un gran logro meterse na final, estar entre os oito primeiros”. No caso da competición por parellas, o traballo e experiencia previa de competición xunto a Guillén fai que “teñamos algunha opción máis”, recoñece, tanto de meterse entre os mellores como de tentar competir na propia final.

O broche á mellor tempada

“A verdade é que vou acabar a tempada da mellor maneira, estando nos dous campionatos máis importantes aos que podía optar”, salienta Iván García, que pecha coa Universiada a súa mellor tempada deportiva. Non en van, en maio participaba por primeira vez no Campionato do Mundo absoluto de taekwondo, despois de ter sumado logros como as medallas de ouro que acadou no Campionato de España absoluto e no Campionato de Europa de clubs. “Estar na Universiada non era algo que tivésemos como obxectivo”, recoñece este estudante, que viu nesta tempada como “ao final non están tan lonxe esas cousas coas que soñas”.

Ao igual que no Campionato do Mundo, onde foi eliminado en segunda rolda polo que posteriormente sería o campión do mundo no seu peso, García acude a Nápoles co obxectivo de “ir rolda a rolda, que é a mentalidade coa que vou sempre a todos os campionatos”. No caso da Universiada, “sempre hai un moi bo nivel, xa que a todos os países lles gustar estar ben representados, porque, en maior ou menor medida, segue sendo unha olimpíada”, recoñece. “Estou desexando vivir a experiencia”, engade García da competición coa que despedirá a tempada. Tralo verán, o taekwondista do Mat´s de Marín incorporarase ao Centro de Alto Rendemento da Federación Española en Madrid, “onde vou centrarme en adestrar case que por completo”, explica este deportista, que destaca a “experiencia e rodaxe” que citas como a Universiada supoñen de cara a esta nova etapa, na que “o nivel de esixencia vai a ser maior pero da que tamén creo que poden saír bos resultados”.

O taekwondo, deporte que máis alumnos levou á Universiada

De carácter bienal, a Universidade de Vigo non contaba con representación no principal evento do deporte universitario desde 2011, cando o taekwondista Fernando Rascado competiu na Universiada de China. A este deporte débense tamén dúas presenzas máis de estudantes vigueses neste torneo, a de Bruno García en Serbia en 2009 e a de Lúa Piñeiro en Bangkok en 2007. Na competición celebrada en Tailandia competiu tamén o judoka Miguel Romero, que catro anos antes participou tamén na Universiada de Daeru (Corea do Sur), onde acadou unha medalla de bronce.