Vigo contará en 2021 cun orzamento récord de 264 millóns para “mobilizar a economía”

Publicado por o día 03/11/2020 na sección de Concello de Vigo,Economía,Galicia,Vigo

Vigo contará en 2021 cun orzamento récord de 264 millóns para “mobilizar a economía”

A Xunta de Goberno Local deu luz verde a un orzamento de 264.011.037 millóns para 2021, 787.965 euros máis que en 2020, cando a cifra era de 263.223.072 euros. Trátase dunhas contas homoxeneizadas e consolidadas que supoñen unha cifra récord “para mobilizar a economía da cidade nun ano moi difícil”, que manteñen débeda cero e un prazo de pago a provedores de 9 días. A presión fiscal – con 520 euros – é a máis baixa das grandes cidades galegas, e está moi por debaixo da media española, situada en 700 euros.

Tal e como lembrou o rexedor, as taxas e os impostos están conxelados, con rebaixas de tributos para as actividades máis afectadas pola crise sanitaria. Por tanto o resultante da presión fiscal é que o ano que vén en Vigo pagaranse menos impostos e taxas. A esta diminución hai que engadir outros dos millóns de euros que supuxeron as rebaixas na recollida do lixo, dos vados e no recibo de auga durante o período no que estiveron pechados comercios e negocios de hostalaría.

Nestes 264 millóns de euros, precisou Caballero, non están incluídas aínda as achegas da Deputación de Pontevedra, o que elevará “substancialmente” o orzamento de 2021 e, polo tanto, permitirá mobilizar unha “inxente cantidade de recursos” durante os próximos meses.

Xerencia de Urbanismo

A Xerencia de Urbanismo tamén deu luz verde esta mañá ao seu orzamento de 7.595.761,58 euros, aos que hai que engadir outros 2,8 millóns de remanentes aprobados esta mañá. Tal e como explicou o rexedor, o obxectivo destas contas pasan, en primeiro lugar, por avanzar na revisión do PXOM coa aprobación do Documento de Aprobación Inicial. Tamén prevé continuar coa expropiación do ámbito da Panificadora así como coa redacción do proxecto de urbanización. Outros ámbitos sobre os que se vai seguir a traballar son Barrio do Cura, Recaré e Cruceiro.

Entre os obxectivos da Xerencia atópanse tamén os traballos para dar continuidade á senda do Lagares desde a Avenida de Madrid ata Manuel Álvarez, ao tempo que se farán melloras en todo o corredor. A ampliación do PTL e do polígono de Balaídos en colaboración coa Zona Franca; a recualificación dos terreos expropiados na rúa Lalín para poder ubicar a Biblioteca do Estado; manter o oficiña de Rehabilitación de Vivenda no Casco Vello, Bouzas, rúa Bueu-Moaña (Coia), grupo casas de Santa Clara en Barreiro, e ampliando a actuación a outras zonas de Coia, Teis, Beiramar, a Salgueira e San Roque.

O Concello vai seguir colaborando coas comunidades de veciños en medidas de accesibilidade en edificios antigos; continuarase tamén coas execucións subsidiarias para evitar riscos á cidadanía; así como co desenvolvemento do primeiro programa de incorporación ao Rexistro de Soares creado en 2018 coa puxa pública das primeiras parcelas. Outra das principais actuacións urbanísticas previstas para 2021 é a redacción do proxecto para iniciar a rehabilitación de sete vivendas no entorno da Basílica.

Comentar noticia

Your email address will not be published.