Vigo crea un Mapa Literario con dez rutas para percorrer a cidade a través dos seus escritores e as súas obras

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este luns con motivo do Día do Libro o novo “Mapa Literario de Vigo”, unha iniciativa da Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios marcando os fitos literarios das obras.
Por o 23/04/2018 | Sección: Concello de Vigo,Cultura,Galicia,Vigo
Vigo crea un Mapa Literario con dez rutas para percorrer a cidade a través dos seus escritores e as súas obras

Un mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este luns con motivo do Día do Libro o proxecto creado pola Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas para amosar a riqueza e importancia da urbe dentro da literatura.

“Estamos ante unha magnífica e imaxinativa iniciativa para divulgar o libro e a cultura de Vigo”, sinalou o alcalde durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación antes de felicitar aos responsables do proxecto e ás editoriais da cidade como Xerais, Galaixa ou Elvira.

O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.

O proxecto consta da realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes “Paradas Literarias”, que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.

Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.

As rutas están protagonizadas por autores como Julio Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado, Carlos G. Reigosa e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.