Vigo destinou 3,7 millóns de euros ás necesidades provocadas pola pandemia

O alcalde informou este mércores das partidas ás que se destinou o gasto en política social durante a crise do coronavirus e sinalou que o Concello ten en trámite de execución 10,7 millóns de euros de política social, un incremento “importante” respecto ao mesmo período do ano anterior.
Publicado por o día 22/07/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Vigo destinou 3,7 millóns de euros ás necesidades provocadas pola pandemia

“Fomos o concello pioneiro en España en política social na relación de gasto por habitante, por enriba de calquera concello de España e seguramente de Europa”, sinalou o rexedor na rolda de prensa na que detallou algunhas das partidas máis destacadas do ámbito social.

O goberno municipal outorgou 9.000 axudas de emerxencia, 2.601 bolsas de comedor a nenas e nenos da cidade, entregou 54.000 menús a domicilio e axudou a 1200 persoas na súa casa. Tamén dispuxo servizo a domicilio de compra, farmacia ou outras xestións a 266 persoas mentres 200 sen fogar tiveron cubertas as súas necesidades de aloxamento, alimentación ou hixiene. O Concello habilitou un centro de illamento para positivos que non foi preciso utilizar, reforzou a unidade de rúa, atendeu a 766 persoas no programa de acompañamento telefónico e psicolóxico e repartiu 300 ordenadores para nenos e nenas de primaria. Amais, realizáronse 923 intervencións con familias en risco de exclusión social con menores dentro do programa infancia e familia e impártense clases de reforzo durante o verán para menores en risco de exclusión social.

Abel Caballero explicou que Vigo ten en trámite de execución, a 30 de xuño de 2020, 10.794.451 euros de política social, cando na mesma data de 2019 a cifra estaba por enriba de 8 millóns, “un incremento importantísimo”, na súa opinión. A isto, dixo, cómpre sumar o Ingreso Mínimo Vital do Goberno de España que “xa está cobrando moita xente”. Pola contra, o alcalde criticou que a Xunta de Galicia destinase “0 euros a Vigo dos 22 millóns que recibiu do Goberno de España” para repartir aos concellos en materia de política social; “Vigo non recibiu nada”, rexeitou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.