Vigo é a cidade galega coa presión fiscal máis baixa

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, expuxo no Pleno o marco orzamentario enviado ao Ministerio de Facenda coa previsión de ingresos e gastos do exercicio 2017. Tamén deu conta da Memoria do Tribunal Económico-Administrativo de 2016 que experimentou un leve crecemento na actividade respecto ao ano anterior.
Publicado por o día 29/03/2017 na sección de Concello de Vigo,Economía,Vigo

Vigo é a cidade galega coa presión fiscal máis baixa

Vigo mantén a súa posición como a cidade de Galicia coa presión fiscal máis baixa para os contribuíntes e co IBI máis baixo, tal e como explicou no Pleno Municipal o edil de Facenda, Jaime Aneiros, que deu conta do Decreto da Alcaldía remitido ao Ministerio de Facendo co perímetro de Consolidación e os marcos orzamentarios para o período 2018-2020.

Dentro do proceso de elaboración dos orzamentos, o Concello de Vigo ten a obriga de enviar eses documento coa previsión de gastos e ingresos dese período para facilitar o control do Ministerio. O documento contempla incorporar aos investimentos 10,6 millóns de euros de remanentes e a achega de 15 millóns de euros do programa DUSI de Fondos FEDER da Unión Europea. No relativo aos ingresos, segundo apuntou Aneiros, mantéñense os niveis impositivos.

Ademais, o concelleiro deu conta da Memoria do Tribunal Económico-Administrativo do Concello do exercicio de 2016, o órgano que atende as reclamacións dos contribuíntes sobre os tributos locais. O ano pasado celebrou 30 sesións e rexistrou un leve crecemento nas demandas xestionadas, que foron un total de 342. Ao seu xuízo o índice de conflitividade neste ámbito é “baixo” xa que soamente 11 das resolucións acabaron na vía xudicial, a maioría relacionadas con empresas de telefonía, o que “avala o criterio e o bo funcionamento dos servizos municipais”.

Rubén Pérez de Marea de Vigo apuntou a necesidade de dotar de máis recursos a este Tribunal para evitar atrasos na resolución dos expedientes, mentres o popular Miguel Fidalgo sinalou a tendencia á baixa dos casos cun descenso do 40% dende o ano 2014.