‘Vigo Emerxe’ ofrece este sábado sete horas de música de balde con bandas e artistas locais no Museo do Mar de Galicia

O festival, impulsado pola Xunta, que contará con dous escenarios, comezará ás 18,00 h. e nel daranse cita The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r. e. a. l., Kaixo, Pablo Novoa ou Nicolás Pastoriza, entre outros
Publicado por o día 26/09/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

‘Vigo Emerxe’ ofrece este sábado sete horas de música de balde con bandas e artistas locais no Museo do Mar de Galicia

Doce bandas e artistas vigueses ofrecerán sete horas de música este sábado no marco de Vigo Emerxe, un gran concerto promovido pola Xunta no Museo do Mar de Galicia co obxectivo de poñer en valor a escena musical da cidade.

A proposta nace coa vocación de recuperar a esencia da movida viguesa e dar voz ao talento local. Neste sentido, Vigo Emerxe inclúe nomes de artistas e bandas locais emerxentes e outros referentes dentro da escena cultural e musical da cidade que actuarán en dous escenarios.

O escenario Aparcamento contará coas actuacións de Santi Araújo ás 18,00 h., Maryland ás 19,30 h., Basanta ás 21,30 h. e The Soul Jacket coa colaboración especial de Pablo Novoa (exmembro de Golpes Bajos) actuarán ás 23,15 h. No escenario Exposicións temporais, que se atopa no interior do inmoble, daranse cita Babykatze ás 18,45 h., BFlecha ás 20,15 h., r.e.a.l. ás 22,00 h. e Kaixo ás 00,00 h.

No evento tamén participarán artistas convidados como Nicolás Pastoriza (do grupo Bromea o qué?), que ofrecerá unha sesión especial ás 19,00 h. na sala científica do Museo do Mar. Ademais, a partir das 21,00 h., a fachada principal do edificio proxectará videocreacións de Juanma LoDo e Laura Iturralde e o xardín contará cunha instalación lumínica creada por Alejandra Montemayor.

As actuacións rematarán ao fío da madrugada e a entrada será de balde ata completar aforo sen necesidade de realizar reserva previa.

Impulso a artistas emerxentes

Esta iniciativa enmárcase na acción do Goberno galego coa escena musica e cultural viguesa, facendo especial fincapé na promoción dos artistas e bandas emerxentes e completando a oferta cultural da cidade con este gran concerto que terá como escenario o marco incomparable do Museo do Mar de Galicia.

Vigo Emerxe toma o relevo de Solpores do Museo, o ciclo de concertos impulsado durante os meses de xullo e agosto no Museo do Mar de Galicia que reuniu neste

emprazamento a artistas e bandas de renome a nivel nacional como Zenet ou Soleá Morente xunto con artistas vigueses como Amaro Ferreiro ou Presumido.

Comentar noticia

Your email address will not be published.