Vigo engade outros 600.000 euros á atención social contra o Covid-19

O Pleno acordouno este mércores por unanimidade, unha modificación do orzamento que se engade a outra xa aprobada anteriormente por 870.000 euros para apoiar á cidadanía afectada pola pandemia. En sesión ordinaria, a Corporación tamén tomou coñecemento do prazo de pago aos provedores do Concello, que en xuño situouse en nove días.
Publicado por o día 29/07/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Vigo engade outros 600.000 euros á atención social contra o Covid-19

Toda a Corporación municipal deu luz verde á proposta do goberno de Vigo de modificar o orzamento para sumar outros 600.000 euros, procedentes do superávit do Concello do pasado ano, á atención social da cidadanía viguesa damnificada polo coronavirus.

Os grupos políticos votaron por unanimidade a proposta e a oposición propuxo consolidar este nivel de gasto social para afrontar os meses vindeiros e facer uso do máximo legal permitido para adicar ao efecto, un 20% do excedente do ano anterior, que no caso vigués totaliza 3,7 millóns de euros. Na súa intervención, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, puxo en valor as dúas modificacións xa tramitadas e avanzou que se realizarán “as que fagan falta” para atender en Vigo a derivada socioeconómica da pandemia.

Trátase do segundo cambio nas contas municipais para ampliar os fondos adicados á política social, logo da primeira aprobada por importe de 870.000 euros, e que eleva o total modificado ata o momento aos case millón e medio de euros.

Pago a provedores

A Corporación tomou coñecemento este mércores do informe de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pago das obrigas correspondente ao segundo trimestre do ano, meses nos que a media situouse nos doce días.

O edil de Facenda indicou que neste trimestre se efectuaron 27,1 millóns en pagos, cun prazo de abono aos provedores municipais que quedou en nove días no mes de xuño, á cabeza das entidades locais en España, mentres que na Coruña foi de 35 días, 22 en Lugo, 20 en Pontevedra, 50 en Santiago e 100 días en Ourense. No contexto estatal, 22 días en Madrid, 28 en Málaga, 29 en Sevilla e 35 en Zaragoza.

Execución e conta xeral

En materia económica, Jaime Aneiros deu conta do estado de gasto do orzamento deste ano no segundo trimestre, un volume en execución de case que 89 millóns de euros. O concelleiro recordou o contexto da pandemia e confinamento destes pasados meses, con 1,7 millóns abonados neste trimestre para política social e máis de 9.000 axudas de emerxencia concedidas, un aumento do 487% sobre o mesmo período do 2019.

O grupo mixto e o concelleiro non adscrito pediron reformular o orzamento de gasto para adaptalo á realidade actual e que non quede sen executar, mentres que o PP criticou que o nivel de execución a 30 de xuño sexa do 30% do total.

Por outro lado, o Pleno aprobou a conta xeral do Concello e da Xerencia de Urbanismo do pasado ano, cos votos en contra da oposición. O edil de Facenda explicou que as contas do 2019 reflicten unha execución do 83%, con débeda cero, coa presión fiscal máis baixa das urbes galegas e un retorno de 831 euros de gasto municipal por habitante.

No debate, a oposición coincidiu en sinalar una execución do 48% nos investimentos, similar ao de anos previos, e un gasto do 83% polo 100% dos ingresos previstos. O goberno vigués argumentou que os investimentos continúan dun ano para o seguinte e que o non executado incorpórase aos remanentes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.