Vigo garda cinco minutos de silencio en “repulsa” do atentado de Barcelona e Cambrils

Á iniciativa pola FEMP -presidida por Abel Caballero-, Vigo amosou este venres ante o Concello a súa “repulsa” polo atentado “cruel, inhumano e cargado de odio” de onte en Cataluña e trasladou “unha aperta chea de afecto e cariño ás vítimas, aos feridos e aos seus familiares”. “Hoxe todos somos Barcelona”, concluíu o alcalde.
Publicado por o día 18/08/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Vigo garda cinco minutos de silencio en “repulsa” do atentado de Barcelona e Cambrils

Vigo concentrouse este venres na Praza do Rei para gardar cinco minutos de silencio en “repulsa” dos recentes atentados en Barcelona e Cambrils nos que foron asasinadas alomenos trece persoas e feridas outro centenar. A convocatoria partiu da Federación Española de Municipios e Provincias, presidida polo alcalde vigués, Abel Caballero, e congregou a representantes dos principais partidos políticos e decenas de cidadáns na Praza do Rei.

En declaracións aos medios, o alcalde de Vigo explicou que o acto quere enviar “unha aperta chea de afecto, cariño e proximidade ás vítimas, aos feridos e aos seus familiares”, ademais de trasladar unha “mesaxe contundente de respulsa” a un “atentado cruel, inhumano, cargado de odio”.

“Hoxe todos nos sentimos parte de Cataluña”, expresou Caballero, quen engadiu que os terroristas “non nos van dobregar nunca” e que “seguiremos na concordia democrática”. “En España sabemos moito de zarpazos de terrorismo e por iso sabemos que ao terrorismo se lle derrota”, desde a unidade e as alianzas cidadáns. “Hoxe todos somos Barcelona”, pechou o alcalde.