Vigo inaugura unha escultura en Samil ideada como “punto selfie” coas Cíes de fondo

A presidenta, Carmela Silva, destaca que Vigo gaña unha escultura máis “nunha contorna marabillosa”, e fai un recoñecemento á proxección internacional da Escola de Cantería

A área de Samil conta desde hoxe un novo atractivo turístico e de lecer para a veciñanza, un “punto selfie” formado polo conxunto escultórico Cíes-Vigo, doado á cidade de Vigo pola Deputación de Pontevedra, que ofrece a posibilidade de retratarse entre as pinzas dunha impoñente nécora de granito co fondo incomparable da ría e a silueta das Illas Cíes.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde, Abel Caballero, dos autores da obra, así como de deputadas e de deputados, e de concelleiras e de concelleiros, foi a encargada de descubrir e dar por inaugurada a escultura, de oito metros de lonxitude e case dous de altura, que está “destinada a converterse noutra das imaxes icónicas da praia máis coñecida e visitada da cidade”. No decurso do acto, Carmela Silva amosouse encantada de poder ter colaborado para que Vigo gañe “unha escultura máis neste Samil marabilloso que é un orgullo para as viguesas e os vigueses”.

A peza da nécora central foi elaborada por Rodrigo García, exalumno da Escola de Cantería e profesional con obradoiro en Canido, mentres que os dous bancos laterais coas inscricións Cíes e Vigo son obra de Bruno Comesaña, alumno de cuarto curso. Trátase dun dos últimos traballos da Escola de Cantería da Deputación. A proxección internacional deste centro de formación foi enxalzada por Carmela Silva, quen destacou que o alumnado “traballa nalgunhas das obras patrimoniais máis grandes que hai no mundo”. A Escola, situada en Poio desde hai 41 anos, ten colaborado na restauración do Capitolio de Washington, do barrio de Chiado de Lisboa, da catedral de Santiago, da construción da Sagrada Familia de Barcelona ou na conservación da catedral de Westminster de Londres, entre moitas outras.

Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero revelou que o Concello de Vigo barallou moitos emprazamentos para o conxunto escultórico antes de decidirse por Samil, onde se buscou o encaixe coa ría, o mar e as Cíes. “Antes aquí había un edificio horrible, que derrubamos, e creamos esta zona verde; agora poñemos un símbolo do mar en granito”, “unha chiscadela a Vigo” para continuar o embelecemento da cidade. De feito, o alcalde enlazou esta iniciativa co proxecto “Vigo, cidade de cor”, que consiste no tratamento das medianeiras dos edificios con obras de arte urbano de gran formato. Abel Caballero lembrou que hai 5 anos a relación entre a Deputación e o Concello de Vigo era inexistente e as chamadas ao diálogo da alcaldía eran sistematicamente desatendidas. Hoxe, engadiu, a relación ten cambiado e Vigo goza dunha atención como corresponde á primeira cidade de Galicia, “algo que combínase co feito de que todos os concellos da provincia reciben tamén moitos máis recursos do que recibían antes, nun esforzo de xestión”.

O conxunto escultórico Cíes-Vigo está concibido polos seus autores como unha peza “funcional e minimalista”, que busca integrarse nunha paisaxe incomparable do litoral galego. A obra ofrece distintas opcións para situarse e tomar a mellor foto de recordo da visita a Samil.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM