Vigo lidera un estudo internacional para establecer as prioridades de investigación para a conservación dos mexillóns de auga doce

A pesar de ser uns grandes descoñecidos para a poboación, xogan un papel fundamental nos ríos
Por o 20/02/2019 | Sección: Galicia,Vigo
Vigo lidera un estudo internacional para establecer as prioridades de investigación para a conservación dos mexillóns de auga doce

Un estudo internacional liderado pola Universidade de Vigo marca as liñas da investigación para conservar as náiades ou mexillóns de auga doce dun xeito global. O artigo, que acaba de ser publicado no xornalBiological Conservation, está asinado por 48 científicos de 23 países, pero no proceso de elaboración colaboraron 81 expertos de todo o mundo. O seu autor principal é o investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Noé Ferreira, que explica que o traballo “pretende ser un documento de referencia para guiar os traballos de investigación e valorar de xeito adecuado o estado de conservación das máis de 800 especies coñecidas” de mexillón de río.

Estes mexillóns de auga doce son un dos grupos animais máis ameazados no mundo e, de feito, o 6% das especies extinguíronse en tempos recentes e o 30% das 536 especies de náiades catalogadas pola Unión Internacional para a Conservación da Naturaleza (UICN) están ameazadas de extinción. Isto é, non obstante, como sinalan os investigadores unha cifra optimista pois non existe suficiente información que permita establecer o grao de ameaza para o 16% das especies e ademais preto de 300 tan sequera foron catalogadas. No que aos ríos de Galicia se refire, “contamos con catro clasificadas como en perigo de extinción no caso de Margaritifera margaritifera ou vulnerables no caso Anodonta anatinaUnio delphinus e Potomida littoralis, segundo o Catálogo galego de especies ameazadas”, apunta Noé Ferreira.

Os mexillóns de auga doce, a pesar de ser uns grandes descoñecidos para a maior parte da poboación, xogan un papel fundamental nos ríos, explica Ferreira. A súa importancia, máis aló do propio valor intrínseco que posúen como elementos da biodiversidade, radica, como lembra o investigador, no seu papel como filtros naturais, “xa que un só mexillón pode filtrar ata 45 litros de auga ao día e as súas densidades chegan aos 100 exemplares por metro cadrado, o que nos pode dar unha idea da súa importancia non só para os cursos fluviais senón para a propia poboación pola nosa dependencia directa dos recursos hídricos”.

Un abano de ameazas

Unha peculiaridade destes animais é a presenza dunha fase larvaria parasita, xeralmente de peixes, é dicir, precisan adherirse ás branquias (ou menos frecuentemente a outras superficies corporais) de peixes para completar o seu ciclo vital. Porén, moitas especies de mexillóns dependen de peixes migradores como é o caso de M. margaritifera e os salmóns. Por este motivo, os factores que afectan aos peixes como a construción de encoros que impiden o remonte dos ríos, afectan tamén a estas especies. Pero o abano de amezas non se limita á destrución ou alteración do hábitat, xa que algúns traballos previos permitiron identificar como a introdución ameixa asiática (Corbicula fluminea) “está afectando negativamente a estas especies, un impacto que se incrementa nun contexto de cambio climático”.

Tanto o seu grao de ameaza como a súa importancia na provisión de servizos ecosistémicos, levou a este equipo de científicos a un acordo para identificar tanto os factores internos como externos responsables do seu declive e que, no caso dos externos, son susceptibles de mellora para asegurar a supervivencia destas especies nun contexto de cambio global.

“En Galicia aínda contamos con poboacións relativamente ben conservadas destas especies”, lembra o científico da Universidade de Vigo, polo que consideran imperativo “determinar o tamaño das poboacións, a súa distribución e composición, así como a tendencia ao longo do tempo”. Pola súa dependencia da comunidade piscícola remarcan que é preciso identificar e conservar ao mesmo tempo as especies de peixes que actúan como hospedeiros dos seus estados larvarios que permiten sobrevivir ás larvas. “Cando todo este coñecemento indica que unha determinada especie está en regresión, ben no que a súa distribución ou o número de exemplares se refire, é preciso identificar e mitigar as causas de declive”, engade Ferreira, que considera que esta estratexia é moito máis efectiva que a inversión de grandes cantidades recursos económicos para restaurar de xeito artificial as poboacións. No que se refire ás causas do declive, ademais da alteración do hábitat, a introdución de especies invasoras e o cambio climático, os investigadores tamén sinalan neste artigo ao “declive dos propios peixes hospedeiros ou a contaminación da auga – dende fontes urbanas, agrícolas ou industriais principalmente, pero tamén incorporando grandes cantidades de sedimento por unha mala xestión a nivel de conca – entre outros, conclúen.

Comentar noticia

Your email address will not be published.