Vigo mantén o liderado de cidades españolas que mellor pagan a provedores con 10 días por factura

O Concello de Vigo liderou de novo o ranking de cidades españolas en pago aos provedores ao cumprir o pasado mes de setembro as súas obrigas de abono de facturas en un prazo de dez días. O concelleiro de Facenda destacou que no terceiro trimestre houbo pagos por valor de 37 millóns de euros.
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Vigo mantén o liderado de cidades españolas que mellor pagan a provedores con 10 días por factura

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, deu conta na sesión plenaria do mes de outubro do informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento de prazos para o pago de facturas no que Vigo liderou de novo ás cidades españolas.

Segundo os datos expostos por Aneiros no pleno municipal celebrado este mércores, o Concello abonou en setembro as facturas nun prazo de 10 días (14 días de media no terceiro trimestre do ano), mentres que no conxunto do Estado esta cifra elévase ata os 68 días. “O prazo de pago proba a solidez, solvencia e seguridade da xestión municipal, así como a execución de orzamentos que melloran a calidade de vida dos cidadáns”, sinalou.

O concelleiro puxo o exemplo de Vigo como “garantía para empresas e pequenos autónomos” e mencionou outras cidades españolas que están aínda lonxe en cumprimento de pago. Así, sinalou os casos de Barcelona (17 días), Madrid (26), Sevilla (54), Valencia (26), Málaga (19), Las Palmas (41) ou Mallorca (42).

Tamén explicou Jaime Aneiros que en Galicia, durante o mes de agosto, na Coruña pagáronse as facturas nun prazo de 54 días, en Santiago elevouse a 81 e en Ourense foron 112 os días necesarios para que os provedores cobrasen. “A progresión de Vigo é meteórica”, sentenciou o edil vigués.

Pola súa banda, tanto o grupo de En Marea como o do PP criticaron a execución orzamentaria e a desvincularon do bo dato de pago a provedores.