Vigo mostrou a sua solidariedade cos 24 activistas saharauís

Reclamaron tamén a fixación xa dunha data para a celebración do Referendo de Autodeterminación ao que a pobo saharauí ten dereito
Por o 24/01/2017 | Sección: Protestas,Vigo
Vigo mostrou a sua solidariedade cos 24 activistas saharauís

No día de onte ás 12 da mañá tiña lugar unha concentración diante das escaleiras do museo de arte contemporánea da rúa do príncipe, museo o MARCO. A concentración solidaria a secundaron numerosas organizacións políticas, sindicais e civis coincidindo co xuízo que o Reino de Marrocos contra 24 activistas saharauís. Reclamaron tamén a fixación xa dunha data para a celebración do Referendo de Autodeterminación ao que a pobo saharauí ten dereito.

O pasado 26 de decembro realizouse unha primeira concentración en Vigo por este motivo, coincidindo coa data do xuízo, que finalmente foi suspendido até este 23 de xaneiro.

O manifesto

Van cumpridos xa seis anos desde que o 8 de novembro de 2010 as forzas de ocupación do Reino de Marrocos desmantelaron o Campamento de Gdeim Izik, ás aforas do Aaiun, capital do Sáhara Occidental, atacando brutalmente á poboación civil saharauí, invadindo o campamento, queimando as súas haimas, lanzando gases lacrimóxenos e auga fervendo desde os helicópteros sobre a poboación, e estabelecendo unha loita corpo a corpo con ela, nunha acción represiva inxustificábel que ten causado centos de feridos/as e algunhas mortes, entre elas, a do neno de 14 anos Elgarhi Nayem.

Lonxe de render contas diante da Comunidade Internacional por estes feitos, o Reino de Marrocos respondeu coa detención arbitraria de 25 saharauís, acusándoos de organizar dito campamento e participar nesa acción pacífica, coa que máis de 30.000 saharauís quixeron mostrar a súa protesta contra as violacións dos Dereitos Humanos por parte de Marrocos, as desigualdades ás que están sometidos/as, o despedimento masivo de traballadores/as saharauís, os xuízos arbitrarios e sen garantías e o saqueo dos seus recursos naturais (fosfatos, pesca,…). Converten con isto ás vítimas en culpábeis.

Dous anos despois dos feitos, o 17 de febreiro de 2012, foron xulgados sen ningún tipo de garantías e condenados por un Tribunal Militar a durísimas penas de prisión: nove a cadea perpetua, catro a 30 anos, sete a 25 anos, tres a 20 e dous a dous anos. Logo das presións e mobilizacións esixindo a anulación do xuízo e a liberdade dos presos políticos, o xuízo militar foi anulado polo tribunal de casación, pero continúan no cárcere e volverán a ser xulgados, esta vez por un Tribunal Civil de apelación en Rabat, este 23 de xaneiro.

As organización que subscribimos este comunicado queremos expresar a nosa solidariedade cos presos políticos saharauís e rexeitamos este novo xuízo. Consideramos que o Reino de Marrocos non ten lexitimidade nin competencia para actuar contra eles, xa que non ten xurisdición algunha sobre o Territorio do Sáhara Occidental (tal e como ditan as resolucións internacionais e da propia ONU), condenamos as accións violentas que se levaron a cabo contra o campamento e os posteriores procesos de condena e encarceramento, e rexeitamos un novo xuízo que encausa a persoas inocentes, incriminadas por unha protesta pacífica, na defensa dos seus dereitos.

Este novo xuízo é un episodio máis nun proceso de ocupación que dura xa máis de 41 anos, saltándose todas as resolución internacionais e sentenzas ao respecto, e atrasando a celebración dese referendo polo dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental, erguendo muros no seu territorio, sementando minas e condenando ao exilio a centos de miles de saharauís refuxiados/as nos campamentos de Alxeria, mentres outros/as son perseguidos/as e represaliados/as no seu propio territorio. Só o cese da ocupación, o respecto polos dereitos humanos, a posta en liberdade de presos políticos e o exercicio do dereito á autodeterminación do pobo saharauí poden achegar unha solución ao conflito.

Por todo isto, CONDENAMOS O XUÍZO QUE O REINO DE MARROCOS FARÁ O DÍA 23 CONTRA ACTIVISTAS SAHARAUÍS, E ESIXIMOS A ELIMINACIÓN DAS SÚAS CONDENAS E A SÚA INMEDIATA LIBERACIÓN, ao tempo que insistimos en reclamar o cese da ocupación polo Reino de Marrocos e que se cumpran as resolucións internacionais, fixando xa unha data para a celebración do Referendo de Autodeterminación ao que a pobo saharauí ten dereito.