Vigo repite coa unión Galicia-Euskadi de Rafael Pérez (La Carpintería) na final do certame De tapas por Galicia

Os gañadores dos concursos de petiscos das sete cidades galegas competirán o 17 de xullo nunha Gala Show Cooking organizada por Turismo de Galicia en Compostela.
Publicado por o día 09/07/2018 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Vigo repite coa unión Galicia-Euskadi de Rafael Pérez (La Carpintería) na final do certame De tapas por Galicia

A unión das gastronomías de Galicia e Euskadi que ofrece Rafael Pérez Iglesias, chef de La Carpintería, repetirá participación representando a Vigo na final do certame De Tapas por Galicia, nunha gala show cooking que terá lugar o vindeiro 17 de xullo no hotel AC Palacio del Carmen de Santiago e na que os gañadores dos concursos de petiscos das sete cidades galegas competirán polo premio ao mellor cociñeiro galego de tapas.
Organizado por Turismo de Galicia, o concurso De Tapas por Galicia busca promover a creatividade gastronómica, especialmente a presentada en pequeno formato, como elemento dinamizador do turismo urbano, no que cada vez máis os visitantes buscan un achegamento á cultura, ás tradicións e á innovación dos seus destinos tamén a través do padal.

Desta volta, Rafael Pérez participa con Itsasgorri (Mar Roxo), baseado en produtos tan presentes nas cociñas galegas coma nas vascas e que lle fixo gañador por segundo ano consecutivo do concurso Petisquiño de Vigo. Trátase dun pastel prensado de xurelo mariñado que inclúe tamén pemento asado, anchoa en conserva, caviar de olivas negras e dados de vermú galego xelatinado, nun conxunto enmarcado por dúas tellas crocantes de pan tramezzini e aderezado con sal, pementa e lima.

A GALA

A final do cuarto certame De Tapas por Galicia desenvolverase nun show cooking no que participarán os sete chefs galardoados nos concursos das súas respectivas cidades. Ao remate da gala entregaranse dous premios, un deles outorgado por un xurado de profesionais da gastronomía e a restauración e outro concedido por unha selección do público asistente.

No evento, Rafael Pérez competirá con Alejandro Martínez, do Café Vanessa (Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón, do restaurante Eclectic (Coruña); Rubén González Vallejo e Sergio Orge, de El Cafetín (Pontevedra); Álvaro Pérez, do gastrobar ArteSana (Santiago); Bianca Coura e Pablo Domínguez Veloso, do restaurante A Adega das Caldas (Ourense); e Alejandro Méndez Lázare, da Arrocería Os Cachivaches (Lugo).