Vigo retoma desde este luns o funcionamento da “zona azul”

Aprobada pola Xunta de Goberno Local, a medida entrará en vigor este luns 1 de xuño e pon fin á pausa do servizo ordenada o 18 de marzo polo estado de alarma. Coa paulatina apertura da mobilidade e a actividade industrial e comercial, cesan as causas que motivaron a suspensión da XER.
Publicado por o día 29/05/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Vigo retoma desde este luns o funcionamento da “zona azul”

O alcalde informou este venres da decisión adoptada pola Xunta de Goberno Local que conclúe coa suspensión iniciada o 18 de marzo e retoma desde este luns, 1 de xuño, o funcionamento habitual da “Xestión de Estacionamento Regulado”, a coñecida como “zona azul”.

O contrato paralizouse entón ante a imposibilidade de executalo dadas as restricións impostas no decreto do estado de alarma. A fase 2 da desescalada trae consigo aperturas na mobilidade cidadá e a reactivación parcial da industria e o comercio, pola que se considera que as causas da suspensión decaen.

Polo tanto, desde este luns volve operar a rotación no aparcamento en vía pública, nas mesmas condicións nas que funcionaba antes da paralización e establecendo a empresa as medidas de seguridade necesarias para a volta ao traballo do persoal.

Benestar

Segundo trasladou este venres Abel Caballero, a Xunta de Goberno Local deu luz verde a unha addenda ao convenio rubricado coa asociación Vida Digna para o mantemento dun comedor social e da entrega de alimentación a persoas en situación ou risco de exclusión social. O acordo, firmado para o período 2019-2021, contempla un apoio municipal de 45.000 euros anuais e a addenda anticipa o abono destas cantidades.

Coa crise do coronavirus e o incremento da demanda, o goberno de Vigo decidiu validar un cambio nos tempos de pago. Previo á addenda, a entidade recibía o 50% no primeiro trimestre do ano e a segunda metade da contía, ao final do ano natural; agora o Concello pasará a transferir o segundo 50% unha vez a entidade xustifique o gasto do primeiro 50%.

Igualdade

O rexedor informou ademais da decisión municipal de ceder unha vivenda durante seis meses a unha muller cunha filla vítima de violencia machista. A familia contará con apoio profesional durante este tempo e ocupará unha das tres residencias coas que conta o Concello para darlles acollida temporal. Como complemento, o goberno vigués adxudicou a pasada semana un contrato de aloxamento e manutención temporal en establecementos hoteleiros para vítimas de violencia machista, por importe de 24.300 euros.

Deporte de base

Por último, Caballero deu conta da aprobación das bases reguladoras e da convocatoria de subvencións a entidades deportivas sen ánimo de lucro pola súa actividade na tempada deportiva que conclúe, correspondente aos anos 2019/2020. O goberno vigués reserva ao efecto unha partida de 925.000 euros, que serán distribuídos en réxime de concorrencia competitiva.

Como figura nos requisitos, poden optar os clubs deportivos, asociacións, agrupacións e entidades deportivas con sede en Vigo e sen ánimo de lucro. As solicitudes poderán presentarse no prazo de vinte días despois da publicación do extracto da convocatoria no BOP.