Vigo SEAFEST encherá de festa e actividades para toda a familia a zona náutico de Vigo

A música, da mañá á noite, ocupará seis escenarios e dará cabida a grupos emerxentes de Vigo
Publicado por o día 01/06/2018 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Vigo  SEAFEST encherá de festa e actividades para toda a familia a zona náutico de Vigo

O Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest, que organiza a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), encherá de ambiente festivo durante catro días consecutivos, os días 5, 6, 7 e 8 de xullo, a Zona Náutico de Vigo, cunha programación que, co epicentro nos Xardíns de Elduayen, se desarollará da mañá á noite. Concertos, actividades deportivas, talleres familiares, animación de rúa, rutas en barco pola ría e visitas guiadas polo patrimonio industrial de Vigo, ademais dunha área de innovación e outra de produtos do mar, complementan a gran cita gastronómica que protagonizan os produtos do mar e, en concreto, a cociña de autor de 18 chefs galegos.

O presidente de ARVI, Javier Touza, e o seu director xerente, José Antonio Suárez-Chairos, referíronse esta mañá, durante a rolda de prensa de presentación do groso das actividades de Vigo SeaFest, ao carácter marítimo de Vigo e á importancia do sector extractivo de toda a cadea de valor da pesca, actividades económicas das que dependen máis de 30.000 familias en Vigo. Precisamente para realzar este carácter, que guía a filosofía de Vigo SeaFest, o acto celebrouse nun lugar emblemático do porto pesqueiro, a lonxa de Grandes Peixes.

Programación musical

A presentación da programación musical e de actividades complementarias en Vigo SeaFest estivo prologada pola actuación da violinista Patricia Moon, acompañada á guitarra por David Zarandón, D Zetta, e nela participaron os coordinadores das distintas áreas. A música de Vigo SeaFest distribúese en seis espazos ou escenarios, dando cabida a estilos musicais para todos os gustos e todos os públicos, en sintonía co ambiente cambiante ao longo do día. Ademais dos concertos patrocinados por Estrela Galicia, que constitúen o prato forte –Elefantes, Morgan, Arizona Baby, Anaut, Gigi McFarlane, Maureen Choi Quartet, Mel Semé, Bakin Blues Band–, Vigo SeaFest quixo na súa segunda edición realizar unha “aposta forte” polos mú-
sicos de Vigo, unha “gran canteira de estrelas do rock e do pop, como o acaban de demostrar aquí –dixo Alberto Alonso– Patricia Moon e David Zarandón”.

Deste xeito, o escenario principal do festival estrearase o xoves, día 5, coa actuación de tres grupos seleccionados no I CERTAME VIGO SEAFEST MUSIC, organizado en colaboración con Os40 Radio Vigo, e dirixido a grupos emerxentes. Máis dunha decena de bandas de Vigo e a súa área metropolitana inscribíronse ata o momento nesta primeira edición. O concerto de clausura de Vigo SeaFest 2018, o domingo, día 8 de xullo, ten nome feminino en homenaxe ás mulleres do mar. “Pechamos nós” é o seu leit motiv, e nel poderemos gozar da versatilidade da viguesa Patricia Moon e da innovadora proposta do grupo madrileño Aurora & The Betrayers. Vigo SeaFest contará, ademais, cun escenario denominado Lerchos, de cuxa programación é responsable David Zarandón, D. Zetta, director da Rock School Music de Vigo.

En sesións de mañá e de tarde, acollerá concertos de rock, abertos á participación de afeccionados e estudantes de música que desexen subirse ao escenario. Zarandón anunciou que visitará Vigo SeaFest o director da Escola Internacional de Rock School. Pola súa banda, o produtor Javier Abreu coordinará o Escenario Regala Música, dirixido a dar a coñecer bandas emerxentes. No Escenario Ensamble, pola súa banda, actuará unha formación creada específicamente para Vigo SeaFest, liderada por Lucas Fernández ( Best Boy) e integrada, ademais, por Diego Pacheco, Javi Pacheco e Artu Álvarez. Realizarán sesións de improvisación e versións (jam sessions) e convidarán a participar a músicos locais.

Co obxectivo de amenizar a travesía en barco dos pasaxeiros que fan a ruta Vigo-Moaña-Vigo e Vigo-Cangas-Cíes-Vigo, ademais de achegar ata a outra beira da ría o espírito festivo de Vigo SeaFest, terá tamén lugar unha actuación a bordo do barco de pasaxe da naviera Nabia. Por último, e en consonancia co acordo de colaboración alcanzado con Ra-deu Vigo Grupo de Comunicación, o espazo de Vigo SeaFest acollerá un set de Radio Vigo, desde o que se transmitirá en directo a súa programación e no que se gravará o programa musical O Maketón.

Talleres familiares

En liña coa filosofía que o alumou, o Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest, reserva un amplo espazo aos talleres didácticos e familiares, cuxo eixo temático está relacionado co mar, o coñecemento do medio mariño e a súa preservación ambiental, así como coas actividades pesqueiras. Os seus responsables, Lorena Serrano, coordinadora de Miudanza Lecer, e Ana Castro, directora de Proxectos de Van Divulgación Cultural, destacaron, como exemplo, o taller “Protexamos o mar. Plastic art”, que abordará o impacto dos plásticos no medio ambiente mariño.

Neste taller cada familia traballará individualmente para buscar como dar unha saída a unha botella de plástico para, a continuación, participar nunha gran instalación artística colectiva que irá aumentando cada día coas achegas das diferentes familias que se acheguen aos talleres. Completan a oferta dirixida ás familias unha ginkana, un flashmob e outros talleres nos que os nenos e nenas poñerán a proba as súas habilidades manuais, xa que a súa proposta céntrase no desenvolvemento da imaxinación creativa dos máis pequenos. Manexarán tanza, canas, anzois e chumbos para aprender a crear aparellos de pesca; deseñarán ecosistemas mariños con todo tipo de materiais (cartolinas, cores, pegamento, reciclaxe, papeis, cintas, paus, cunchas, cordas…), e localizarán caladoiros de pesca das frotas viguesas sobre unha maqueta que representa o mapamundi mediante distintos xogos de manobras de pesca.

Deportes

A programación deportiva, centrada nas actividades acuáticas e coordinada por Xusto Olea, inclúe bautismos de mar, de vela e de kaiak, que constitúen unha forma de contacto co mar para quen por primeira vez desexan experimentar as sensacións a bordo dun kaiak ou un barco de vela –en leste caso embarcacións de vela lixeira–, sempre acompañados por monitores titulados. A celebración de Vigo SeaFest, xa asentada na programación do verán de Vigo, é aproveitada por distintas federacións para programar competicións, torneos e exhibicións acuáticas. É o caso do Campionato Galego de Kaiak de Mar, a exhibición de táboas a motor. Ademais, haberá un Torneo de Waterpolo, outro de Kaiak Polo e un Slálom de Motos Acuáticas. Vigo

Pesqueiro Pola súa banda, a xerente de FUNDAMAR, –primeira organización dentro do sector marítimo-pesqueiro que conta con representación paritaria de empresarios e sindicatos nos seus órganos de goberno e control–, María Caldeiro, presentou os programas DESCOBRE, PERCORRE e NAVEGA, de FUNDAMAR-VIGO PESQUEIRO, que permiten aos visitantes de Vigo SeaFest participar en visitas guiadas a determinadas empresas, buques, viveiros ou estaleiros, e realizar rutas en barco para introducir ao visitante no mundo da pesca e a súa importancia dentro do territorio.