Vigo substitúe os bolardos do Casco Vello por un sistema de lectura de matrículas

O alcalde anunciou este venres a posta en funcionamento “de forma inmediata” do novo sistema de regulación do acceso de coches ao Casco Vello con cámaras de lectura de matrículas que accionarán un semáforo para permitir o paso. Trátase dunha tecnoloxía máis moderna e que facilita o labor dos servizos de emerxencias.
Por o 17/02/2017 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
Vigo substitúe os bolardos do Casco Vello por un sistema de lectura de matrículas

O novo sistema de acceso de vehículos de residentes e servizos ao Casco Vello de Vigo entrará en funcionamento “de forma inmediata”, segundo anunciou hoxe Abel Caballero.

Está baseado nunha tecnoloxía de recoñecemento de matrículas a través de cámaras que accionan un semáforo que cambia a verde para os vehículos que contan coa autorización municipal e a vermello, impedindo o paso, para aqueles que non dispoñen da autorización e que serán sancionados cando non respecten esta indicación.

Para o rexedor, este sistema “máis moderno” vai supoñer a desaparición dos actuais bolardos retráctiles e conta coa vantaxe de evitar posibles avarías que dificulten o acceso durante o tempo que se prolonguen e, ademais, facilita o labor dos servizos de emerxencias que podían ver limitado o seu paso co sistema de pivotes.

O rexedor explicou que entrará en funcionamento en canto os usuarios estean informados do cambio e familiarizados co novo sistema.