Vigo, unha vila en plena expansión na época de Martin Codax

O docente Anselmo López inaugurou ‘Os xoves do Vindel’ cun relatorio sobre configuración urbana da cidade
Publicado por o día 20/10/2017 na sección de Universidade de Vigo

Vigo, unha vila en plena expansión na época de Martin Codax

O docente e investigador da UNED Anselmo López Carreira foi o encargado de inaugurar esta tarde o ciclo de conferencias Os xoves do Vindel cun relatorio no que debullou a evolución da configuración urbana de Vigo desde a época romana e con especial atención á época de Martin Codax, na que López Carreira situou, concretamente en 1234, a primeira referencia a Vigo como unha vila ,“entendida esta como unha certa estrutura urbana, fronte ao lugar que é unha definición morfolóxica”. O docente da UNED, que foi presentado ao público que se deu cita esta tarde no auditorio do edificio Cambón, polo profesor e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, comezou a súa intervención, trala inauguración do ciclo a cargo do vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a catedrática emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia.

Tras comezar a súa conferencia facendo referencia a unha cita de Manuel Murguía na que no ano 1888 se refería a Vigo como “un pequeño burgo sin gente ni historia”, Anselmo López Carreira destacou, que xa na época romana Vigo era unha entidade urbana e industrial, que , ao igual que sucedeu con outras entidades similares en toda Europa, a excepción das que tiñan catedral, desaparecería a finais do século VI, para volver a reaparecer no XII, para xa no XIII, “a época de Martin Codax, Mendinho e Xohan de Cangas estar en pleno desenvolvemento e expansión, antes de que a mediados do século XIV por causa da peste negra, principalmente, volvese sufrir un retroceso”. O docente da UNED lembrou que primeira referencia documental na que se cita Vigo é de 1097, cando se cita unha demarcación entre Vigo e Canedelo. “Aquel Vigo era unha aldea marcada pola agricultura e xa no século XII estaba dividido en dúas freguesías, a de Santiago e a de Santa María”. É xa no século XIII, en 1234, “cando Martin Codax estaba nacendo”, dixo López, cando se fai a primeira referencia a Vigo como vila, a vila de Vico, e “desde que o núcleo medieval se consolida segue así ata o século XX. O Vigo e Martin Codax era igual ao de Murguía”, sinalou docente e investigador.

A presenza do Pergamiño Vindel en Vigo, un acontecemento extraordinario

De “acontecemento extraordinario que nos enche de orgullo” cualificou a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia a presenza en Vigo do Pergamiño Vindel. Na súa intervención, na inauguración do ciclo de conferencias Os xoves do Vindel, Noia referiuse ás cantigas de Martin Codax como un exemplo paradigmático de pezas líricas protagonizadas por mulleres, que tamén as recitaban. “É unha poesía tinguida dun grande erotismo, que a Igrexa aínda non reprimira”, dixo Noia, en referencia á obra de Codax, na que Vigo, lembrou, é protagonista de seis das sete cantigas. “Un Vigo minúsculo da Idade Media ao que os deuses lle regalaron un poeta, como dixo Xesús Alonso Montero, cunha voz tensa e apaixonada, como nunca houbo”.

Pola súa banda, o vicerreitor de Extensión Cultural, Manuel Fernández, lembrou os dous anos de traballo que precederon á chegada do Pergamiño Vindel a Vigo da man da Universidade de Vigo, despois que a asociación Pertenza contactase con Camiño Noia para facer posible o retorno do manuscrito que a Morgan Library&Museum adquirira en 1977. “Isto no sería posible sen o apoio de moita xente”, destacou o vicerreitor, que lembrou outras actividades que a Universidade desenvolverá co gallo da presenza do Pergamiño Vindel en Vigo, como a tradución das cantigas de Codax a 50 idiomas, un simposio internacional ou o concerto de Nadal, no que a gaiteira Cristina Pato presentará un espectáculo inédito centrado no periplo de manuscrito ao longo de oito séculos. Pola súa banda, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, entidade que colabora na organización do ciclo, destacou que “as cantigas de Martin Codax son identidade e forman parte da nosa lingua, a nosa terra e o mar”. Silva lembrou que “vimos dunha cultura moi potente de dunha lingua que cubría un gran espectro” ao tempo que instou a preservala.

O 2 de novembro, cita coa onomástica da lírica trobadoresca

Os xoves do Vindel continuarán o 2 de novembro co docente de Ensino Medio Xosé Xabier Ron Fernández, que falará sobre Martin Codax: o nome. A onomástica da lírica trobadoresca. O 16 de novembro, Ceferino de Blas, cronista oficial da cidade de Vigo,ofrecerá un relatorio titulado Prensa, sociedad gallega y Martin Codax. ¿Cómo divulgaron los periódicos la figura del trovador y sus cantigas?e o 14 de decembro o musicólogo Paulo Gonçalves falará de A música dos trobadores. A actividade regresará o 25 e xaneiro con As cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea a cargo da docente da Universidade de Santiago Pilar Lorenzo Gradín e finalizarán o 8 de febreiro co tamén docente da USC Ramón Mariño Paz que falará sobre Literatura en galego e mecenado na Idade Media.