Vigo volverá ser a capital do frikismo cunha nova edición do Galician Freaky Film Festival

Tras o éxito da edición pasada, o Galician Freaky Film Festival volverá a Vigo a última fin de semana de outubro.
Publicado por o día 19/07/2018 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Vigo volverá ser a capital do frikismo cunha nova edición do Galician Freaky Film Festival

Despois do éxito que tivo a edición cero do Galician Freaky Film Festival, un
certame de cinema e cultura freak de orixe galega, a Asociación Reencanto
Produccións, entidade organizadora tamén do Primavera do Cine, aposta por encher de
novo Vigo co mellor dos filmes de serie B.

Por iso, a última fin de semana de outubro a cidade volverá, por uns días, ao
horterismo e o mundo freak que tanto marcou a toda unha xeración dende a década
dos 80.

Como gran novidade deste ano, Reencanto Produccións abre hoxe as bases para
concorrer ao certame. Así, tódolos cineastas ou produtoras que queiran enviar os seus
proxectos poderán facelo inscribíndose na web do festival dende o 19 de xullo e ata o
17 de setembro.

Poderán optar á exhibición e participación a concurso as obras audiovisuais nacionais e
internacionais de ficción, non ficción, animación, terror, cine fantástico ou calquera
traballo que polos seus contidos ou tratamento estético poida ser denominado friki ou
serie b.

Deste xeito, no festival proxectaranse pezas audiovisuais galegas, pero tamén foráneas,
consolidándose así o carácter internacional do evento.

As principais novidades

O Galician Freaky Film Festival chega cargado de novidades. Así, este ano o certame
contará non so cunha exhibición de traballos tanto nacionais como internacionais,
senón que tamén se seleccionarán as mellores pezas audiovisuais e serán premiadas
dentro do festival mediante un xurado popular.

Doutra banda o Galician Freaky Film Festival estreará unha nova categoría que na que
se exhibirán diferentes microcurtas frikis feitas co teléfono móbil.

O Galician Freaky Film Festival

A pasada edición #0 do GFFF tivo unha gran acollida por parte do público e dos
profesionais destes xéneros audiovisuais. Preto de un millar de persoas participaron
nas actividades promovidas polo festival e tivo unha gran repercusión no colectivo
freaky e underground galego.

Este ano a organización pretende ir un paso máis aló e abrir o festival a proxectos de
fóra de Galicia, aínda que o principal obxectivo seguirá sendo o mesmo: reivindicar o
freakismo galego que comezou nos anos 90 coa Movida viguesa de Siniestro Total e Os
Resentidos e con filmes como A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos. Continuou co
rock bravú de Heredeiros da Crus e se consolidou co Xabarín Club, grazas o que toda
unha xeración coñeceu o anime.