Vilaboa dálle un novo pulo ao Plan Revitaliza e convoca unha nova repartición de composteiros para a veciñanza

Os tres centros escolares, 16 grandes produtores de lixo, así como máis de medio milleiro de familias do concello xa compostan os seus biorresiduos
Publicado por o día 05/11/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Vilaboa dálle un novo pulo ao Plan Revitaliza e convoca unha nova repartición de composteiros para a veciñanza

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra está collendo moi boa forma no concello de Vilaboa: todos os centros escolares, 16 grandes produtores e máis de medio milleiro de familias xa compostan os seus biorresiduos tanto en composteiros comunitarios como en composteiros individuais. Para seguir con esta boa dinámica, e tendo en conta que cada veciña ou veciño con vivenda en Vilaboa ten o dereito a recoller o seu composteiro, ferramenta e ás visitas de asesoramento do persoal de Amigos da Terra, o persoal técnico da Deputación realizará este próximo domingo día 4 ás 12 h na casa da cultura de Riomaior unha nova repartición de composteiros.

Ademais de informar sobre as vantaxes da compostaxe, as mestras e mestres composteiros explicarán tamén de que se vai poñer en marcha o servizo de préstamo de microtrituradoras, polo que tamén poderán acudir as e os cidadáns para apuntarse neste servizo de cara á campaña de poda (leñosas de xardiñeiría, ou similar).

Polo de agora en Vilaboa xa hai 9 centros de compostaxe comunitaria (CCC) instalados e en funcionamento sumando en total 71 unidades modulares de compostaxe (UMC) de un metro cúbico de capacidade e que dan servizo aos principais negocios de hostelería do concello, o que demostra o compromiso dos hosteleiros de Vilaboa cunha correcta xestión dos seus residuos. Participan en total 16 establecementos (restaurantes, residencias de maiores e algunha residencia con marcado carácter social) compostando os seus residuos orgánicos.

Por outra parte, a totalidade dos centros educativos de Vilaboa xa están compostando os seus residuos orgánicos, xa que dispoñen de instalación e acompañamento do persoal provincial da asociación Amigos da Terra no CPI do Toural, no CEP Plurilingüe de Riomaior e nos CRA (3 a 6 anos) de Bértola, Figueirido, Paredes, Barciela e Pousada.

Tamén é de sinalar o bo funcionamento do punto de intercambio de poda e estruturante (coñecido como “punto verde”) do monte do Cabalo, onde as propias veciñas e veciños levan os seus restos vexetais (en lugar de facer queimas) transformándoos nun produto, o estruturante, que posteriormente é empregado polas persoas usuarias do programa de compostaxe provincial.