Villares chama a frear a volta do PP da corrupción e os recortes para impulsar unha Galicia que pense no ben común

A formación denuncia a reaparición en campaña do ex presidente Rajoy e fai un chamamento á cidadanía para impedir o avance “do PP das cavernas” de Casado e recuperar dereitos
Por o 13/04/2019 | Sección: En Marea,Política
Villares chama a frear a volta do PP da corrupción e os recortes para impulsar unha Galicia que pense no ben común

“En Galicia non queremos nin recortes, nin corruptos nin reaccionarios. Queremos unha Galicia feminista e solidaria. Unha Galicia que pense no ben común”. Son palabras do voceiro de En Marea, que fronte ao proxecto político reaccionario e antisocial do Partido Popular aposta por impulsar unha alternativa que permita recuperar dereitos para que o conxunto da cidadanía poida vivir mellor.

Dende Tui, Luís Villares apelou á necesidade de lembrar toda a dor e o sufrimento que nos últimos anos provocaron os recortes impostos polo Partido Popular. Así como os numerosos casos de corrupción vinculados a unha formación que non merece contar co respaldo das galegas e galegos. “Coa reaparición de Rajoy volve o Partido Popular máis corrupto e desvergonzado. Volve o Partido Popular ao que botamos cunha moción de censura por corrupto polo caso Gürtel. Volve o Partido Popular responsable dos recortes en sanidade que mataron tanta xente. Que roubaron as pensións dos nosos maiores. Que quitaron fondos para dependencia deixando desamparadas ás personas máis febles. Volve o Partido Popular que roubou a esperanza a toda unha xeración”, denunciou o voceiro de En Marea nun mitin no que tamén participaron as candidatas ao Congreso por Pontevedra Iris Malvido e Manuel González Moreira.

Dende a provincia de orixe do ex presidente Rajoy, e onde precisamente este volveu á actividade política nesta campaña,  Luís Villares lembrou o papel que o Partido Popular xogou nos últimos anos, ao denegar unha e outra vez o traspaso da AP9 a Galicia e a súa recuperación para o público. Unha postura que evidencia o desleixo desta formación cara a cidadanía galega, que leva xa demasiados anos soportando o saqueo dunha autoestrada cunha das peaxes máis caras do estado.

Nesa mesma idea incidiu a cabeza de lista de En Marea por Pontevedra ao Congreso. Iris Malvido denunciou o absoluto desinterese do Partido Popular por Galicia. Unha formación que fica moi lonxe de representar ao país e ás galegas e galegos. “Só hai que ver cal foi o traballo dos seus deputados nos últimos anos. Uns deputados que unha e outra vez teñen votado en contra dos intereses das galegas e galegos”, denuncia a candidata. Que apunta cara á Ría de Pontevedra, hipotecada pola prórroga de Ence.

“Rajoy non debera reaparecer nun mitin, senón na Fiscalía, investigado por corrupción, por saquear as arcas públicas e por recortar dereitos e infrinxir sufrimiento á poboación. Coa súa volta vemos como o PP dos recortes, da corrupción e da Gürtel ven pedir o voto para o PP de Casado: o PP dos trogloditas e das cavernas. Unha suma perfecta de todo o que non queremos en Galicia”, afirma o voceiro de En Marea. Que aos principios e ao modelo de xestión antisocial e reaccionaria impulsado polo Partido Popular contrapón a aposta polo benestar, as liberdades e a recuperación de dereitos de En Marea.

O candidato pontevedrés ao Congreso, Manuel González Moreira, puxo o foco na sanidade e na necesidade de poñer couto ás privatización e garantir dereitos para o conxunto da cidadanía. “Temos que estar no Congreso e no Senado para garantir o dereito a unha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade! Temos que desprivatizar os nosos dereitos. Os dereitos da cidadanía non poden ser o negocio duns poucos”, reivindicou.

González Moreira denunciou a trampa das chamadas novas formas de xestión, que na realidade foron un xeito de abrir a porta “a vellas formas de privatización dos servizos de saúde, convertendo este dereito nun negocio, cambiando os valores da defensa do público polos criterios do mercado”.  Un modelo ao que se opón radicalmente En Marea, que aposta por “asegurar que a titularidade, financiamento, a xestión e a provisión de servizos sanitarios sexan exclusivamente públicos”.

O representante de Son de Tui, Laureano Alonso, aproveitou a súa intervención no mitin celebrado no Hotel Colón de Tui para poñer en valor o respaldo de En Marea aos afectados pola explosión do almacén pirotécnico de Paramos. “Estamos moi agradecidos a En Marea e a Luís Villares polo traballo feito”, indicou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.