Villares destaca o tempo perdido que supuxo o tempo Feijóo para Galicia e asegurou que “para esta singradura este barco necesita outro patrón”

Desemprego, mocidade ou políticas contra a violencia machista foron algunhas das cuestións que lamentou quedaran fora do discurso do presidente galego.
Por o 04/10/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política
Villares destaca o tempo perdido que supuxo o tempo Feijóo para Galicia e asegurou que “para esta singradura este barco necesita outro patrón”

O voceiro de En Marea, Luís Villares, arrancou o seu discurso no debate do estado da nación lamentando a frivolidade do presidente da Xunta de Galicia no seu discurso no debate do estado da nación ao “vir a esta Cámara a falar do golpismo é unha absoluta irresponsabilidade”. “Cando hai un golpe de Estado, os militares secuestran as urnas e amordazan aos cidadáns a paos. Cando hai un golpe de Estado os militares asasinan á poboación civil, indefensa e desarmada. Cando hai un golpe de Estado, as balas atravesan as conciencias e as cabezas, como a de Alexandre Bóveda. A última vez que en Galicia houbo un golpe de Estado, as cunetas enchéronse de cadáveres, que aínda hoxe non foron desenterrados” lembrou Villares.

“En momentos graves, os políticos responsables chaman á calma, e os irresponsables incendian. Esta mañá mofouse nesta cámara das forzas políticas que pedimos diálogo para solucionar un problema político. Como demócrata, non se me ocorre máis que o diálogo ara resolver os problemas. Tal vez vostede teña outra idea. Tal vez esta mañá, ao falar do golpismo, traizoouno o subconsciente” asegurou o voceiro de En Marea.

Luís Villares proseguiu criticando a estratexia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, botando man da inventiva para se presentar como “o campeón de todas as bonanzas¨. “Hai que dicir de imaxinación o señor Núñez vai ben, e do resto non pode ir peor. Pero é unha imaxinación cruel porque no seu afán de disimular o traballo que non fai deixa abandonados a unha boa parte dos galegos” arrancou o voceiro de En Marea a súa intervención.

Villares acusou ao presidente da Xunta de separar aos galegos do nivel de vida que merecen os últimos nove anos. “Separa aos galegos da sanidade, separa aos galegos do traballo, separa aos galegos de vivir mellor, sepáraos dos autobuses e dos trens, sepáraos das autopistas e aínda lle digo que permite que separen nos colexios ás nenas dos nenos. Separatismo tamén pode ser un presidente que vive cada vez máis separado da realidade” declarou.

Este primeiro ano de lexislatura salientou Villares tería sido ideal para recuperar aos que vostede deixou atrás e para ilustrar “a ruína de Galicia cun presidente coma vostede” referiuse en primeiro lugar á irrelevancia de Galicia fronte ao Goberno do PP no Estado. “Nos orzamentos do Estado a súa irrelevancia política foi total. A súa maioría absoluta custounos un 30 por cento menos de investimentos cá o ano anterior. Fomos tratados como terra conquistada, que non hai que seducir para atraela nin premiar pola súa lealdade” afirmou Villares.

O segundo exemplo foi o veto ao debate sobre o traspaso da AP9 no que Villares asegurou que “non hai un galego que non sinta algo de magoa  por vostede”. “Foi tan humillante ver ao ministro vir aquí dicirlle que nin sequera o ían considerar, que dá vostede tenrura” afirmou.

A terceira mostra da súa irrelevancia política foi co AVE para o que veu o ministro, aplicou a lei mordaza e deixouno con cinco anos de retraso e 22 curvas como a de Angrois entre Taboadela e Ourense.

Pero a incapacidade de Feijóo non so queda patente no exterior senón tamén dentro de Galicia. Así, no que se refire a gobernar o país, asegurou que Feijóo parece o “condutor dun autobús que está case baleiro xa que durante os anos de crise foi baixando vostede a moitísima xente, xente que deixou nas cunetas, coma os paseados do franquismo aos que non queren exhumar”. “Hoxe debe render contas por tanta xente que deixou atrás estes anos de crise, e aos que non parou a recoller no seu celebrado ano de bonanza económica” indicou.

TEMPO PERDIDO NO SOCIAL

No seu discurso o voceiro de En Marea fixo referencia aos principais problemas de Galicia e a falla de resposta por parte do Goberno Feijóo incapaz de solucionar os problemas reais do país. Así na parte social, Villares destacou o “afondamento nas desigualdades a consecuencia das súas receitas de economía neoliberal e recentralización programada”. “Consolidase este ano como Presidente da desigualdade” afirmou Villares. Así ofreceu datos que avalan esta afirmación como o aumento en dous puntos da taxa de risco de pobreza infantil e aumento das persoas en exclusión material severa. O 25,4 por cento da poboación galega atopábase en risco de pobreza en 2016. “Unha de cada catro persoas que vostedes pode ver pola rúa, ten dificultades para chegar a fin de mes. Pero claro, para iso hai que saír do Castelo de Monte Pío” salientou Villares.

En materia de vivenda e desafiuzamentos, o voceiro de En Marea cuestionou o rescate bancario do PSOE e logo do PP por valor de máis de 100.000 millóns de euros mentres a xente perdía as súas casas por non poder pagar a hipoteca aos bancos. A día de hoxe son 15.000 as familias que perderon a súa vivenda en Galicia. Villares puxo en valor a mobilización social que foi quen de paralizar moitos destes desafiuzamentos “desobecedendo pacíficamente as leis inxustas”. “Claro que hai leis inxustas e claro que hai que cambiar a Constitución para asegurar dereitos básicos como a vivenda. Esa é a razón que nos trouxo aquí. Acabar coas inxustizas, onde queira que estean escritas” remarcou o voceiro de En Marea.

Os problema dos suicidios, silenciado polo PP, pese a que o 50 por cento dos rexistrados en Galicia está relacionado co empobrecemento social. “Mentres a xente perde a casa e perde a vida, o Ministro do seu partido Luís de Guindos confirmou que lle perdoará á banca 40 mil millóns de euros do rescate bancario” denunciou.

precariedade laboral provocada polo modelo neoliberal do PP provocou que a xente que traballa non saia de pobre. “É vostede responsable desta ditadura do precariado, baseada na temporalidade, os baixos salario e a perda de dereitos” recriminou Villares a Feijóo. Os desempregados foron tamén os grandes ausentes do discurso do presidente da Xunta que o único que fixo por eles foi “estafalos”.

En canto á mocidade, Luís Villares asegurou que “as mozas e mozos deste país son os que menos cren as mentiras do PP xa que nunca fixo nada por eles”. Co panorama que esta a deixar Feijóo “imposible fomentar a natalidade se os mozos viven na casa dos país”. “Botounos vostede á emigración. Son exiliados laborais. Vostede non goberna, arruína a vida da xente moza. E isto ocasiona o devalo demográfico” denunciou.

TEMPO PERDIDO PARA A ECONOMIA 

O voceiro de En Marea arrancou asegurando que a irrelevancia política de Feijóo levouno a aceptar o desmantelamento do sector financeiro “sen protestar”. Acusouno de aceptar a desaparición do Pastor, coa perda de centos de postos de traballo e a estafa novamente dos pequenos aforradores. Tamén lle deu igual a estafa masiva das cláusulas chan, “por iso a Xunta non activou os servizos de consumo para defender aos miles de hipotecados deste pais”.

No medio rural, Villares salientou a “situación catastrófica do sector gandeiro” denunciando que “o seu rexionalismo mental permitiu que se negocien os contractos lácteos en Madrid, esqueceuse do grupo lácteo”. “A seca de ideas da consellería é peor que a falla de auga. Espabile, o cambio climático xa chegou” afirmou.

“A vostede Galicia dálle igual, xa ten un plan. Vender o rural ao cártel das celulosas, convertelo nun gran eucaliptal e nunha mina a ceo aberto coa súa flamante lei de depradación de Galicia” declarou Luís Villares.

O mar sofre igualmente o abandono por parte do goberno Feijóo que “asiste calado ao desmantelamento de barcos de pesca e o abandeiramento de buques galegos baixo outros pavillóns para conseguir cotas pesqueiras”.

TEMPO PERDIDO NOS SERVIZOS PÚBLICOS 

sanidade foi outra das grandes áreas do discurso do voceiro de En Marea acusando a Núñez Feijóo de “facer da nosa saúde o negocio dos amigos”. “É vostede o campeón da privatización sanitaria” asegurou denunciando as trampas que o PP está a facer coa Lei de Garantías dos Doentes coa que pretenden blindar o desvío de doentes e cartos públicos á privada mentres ten aos traballadores da sanidade pública na máxima precariedade. A supresión das áreas sanitarias que suporá “o desmantelamento da atención primaria e converterá os hospitais comarcais en simples ambulatorios”.

Pero non só coa sanidade fai negocio, tamén coa educación. “Mentres continúa a eutanasia por inanición do ensino público, dedicáronse a blindar os concertos coa privada, incluíndo os que segregan por sexo coma se isto fose Arabia Saudita” criticou Villares. Unha liña que mantén tamén para os primeiros anos, así ante a falla de praza nas escolas infantís que fixo Feijóo, un Bono Concilia para financiar escolas privadas.

En materia de transportes Feijoo demostrou ser un “rupturista” xa que “rompeu completamente as comunicacións por terra co seu novo plan de transportes. Así mesmo recriminou que o único que lle interese ao PP e a Feijóo sexa o AVE deixando de lado o resto de comunicacións.

En relación á débeda, Luís Villares, asegurou que “as súas maiorías absolutas empobrécennos”. Cando Feijóo chegou ao goberno cada galego debía 1.471 euros. A día de hoxe, esta cifra incrementouse ata os 4.191 euros, é dicir, tres veces máis. Seguindo co tema da economía, o portavoz de En Marea referiuse ao anuncio do presidente da Xunta referido a rebaixa fiscal sobre o que preguntoulle “en serio pensa que vai enganar á xente con este chocolate do loro?”. “Cincuenta euros anuais na carteira dunha persoa non é moito. 5 millóns de euros ben empregados pola administración, dan para moito. Vostedes son tan ineptos que renuncian a recadar porque non saben investir” explicou Villares.

A política industrial de Feijóo neste ano ten para Villares “unha cifra redonda: cero”. Na actualidade o peso da industria do PIB está por debaixo do ano 2000, perdéronse máis de 2.000 postos de traballo e temos un investimento en I+D+I dos máis baixos do Estado.

CORRUPCIÓN, REXENERACIÓN E DEREITOS FUNDAMENTAIS

corrupción tivo un lugar destacado na intervención do voceiro de En Marea que referiuse ao PP como “o partido máis corrupto de Europa” do que Feijóo “é digno militante”. Tres operacións especialmente soadas e destacadas por Villares. A Operación Cóndor onde “o favorecido na adxudicación de concursos públicos regaba aos políticos do PP, incluído Núñez Feijóo e o vicepresidente Rueda, con caras botellas de Vega Sicilia”. A Operación Lezo a dia de hoxe na Audiencia Nacional contra o PP polo financiamento ilegal que “ten os seus tentáculos en Galicia”.

E por último, Caso Campeón, no que o grave e o que convirte a Feijóo en “activista da corrupción” é “a forma en que o PP manexou á Xunta no proceso penal”. “A Xunta de Galicia exerceu a acusación contra todos, agás os que tiñan o carné do PP. Vostedes non acusaron aos membros do PP, porque os lobos non se morden entre eles” afirmou o voceiro de En Marea. Este debe ser o motivo segundo indicou Villares para que o PP votara en contra da proposta de En Marea para crear unha Fiscalía Anticorrupción para Galicia.

En materia de rexeneración democrática, referiuse ao Caso Alvia, agradecendo ás vítimas a súa loita pola verdade e pola xustiza grazas as que pese aos atrancos impostos polo PP, teremos a oportunidade de atopar a verdade.

En materia de dereitos fundamentais, “a primeira falla de liberdade é a que ocasionan as violencias machistas” destacou Luís Villares. “Algo non se fai ben cando somos a primeira comunidade autónoma en número de feminicidios e unha das de menor número de recursos xudiciais dispoñibles. “Os partidarios do pensamento único, sempre que sexa o seu claro, actuaron estas semanas con contundencia” asegurou e “por iso tal vez sancionaron á emisora coruñesa sen ánimo de lucro Cuac FM que tras 21 anos en antena tivo que pechar a súa emisión”. Unha lei mordaza que levou tamén a delegación do Goberno a ameazar en Burela a quen se manifeste contra a reforma sanitaria. Pero por se isto fose pouco, o Proxecto de Lei de Espectáculos públicos que reduce a liberdade de expresión e a difusión de creacións culturais e artísticas.

PROPOSTAS EN MAREA

Fronte ao desgoberno de Núñez Feijóo, o voceiro de En Marea, Luís Villares, presentou as propostas do seu grupo para dar solución aos problemas do noso país. Así considerou indispensable e inaprazable abordar unha serie de temas que non ocupan ao goberno galego e que son fundamentais como son:

1. Emprego e loita contra o precariado. Instar novamente a derrogación inmediata das dúas reformas laborais e a elaboración dun plan estratéxico dotado economicamente para a inserción laboral de mocidade, mulleres e parados de longa duración.

2. Combate da emigración. O grupo presentará unha estratexia orientada a repatriar e inserir laboralmente á mocidade na emigración; así coma o aumento de vivenda social para xente moza, para que ao seu retorno podan vivir de forma independente.

3. Renda básica e xustiza social. Impulsarán unha iniciativa que transite da RISGA a unha renda básica universal, para que todo o mundo, polo feito de ser persoa, teña garantido un mínimo vital. Cómpre asegurar mediante unha lei  a garantía do subministro de enerxía nos fogares e o dereito a unha vivenda digna.

4. Na loita contra as violencias machistas, En Marea seguirá instando máis medios para os xulgados de violencia e máis recursos en prevención e educación en igualdade. Mentres haxa unha soa muller agredida por selo, non faremos ben o noso traballo.

5. Financiamento Autonómico e débeda pública. En Marea postula un modelo confederal de financiamento, baseado na soberanía fiscal, con capacidade normativa propia sobre todos os tributos; a suficiencia de recursos para facer políticas económicas que nos permitan saír da situación en que vivimos, sen resignamos á súa Galicia minguante. E a cooperación no marco estatal e europeo para asegurar un solo de ingresos. En Marea presentará unha proposición de lei para mercar a débeda privada con cartos públicos do FFF e así aforrar o diferencial de xuros. Cómpre igualmente unha auditoría completa desa débeda para verificar a súa lexitimidade.

7. Financiamento local. Cómpre un modelo de financiamento que atenda as necesidades reais dos Concellos das cidades e vilas de Galicia, das que a Xunta non se ocupa, infrafinanciándoos malia que logo son prestadores de servizos que teñen conta do benestar da xente, e realizan unha xustiza social á que a Xunta se nega. Tamén en materia local urxe a derrogación completa da Lei Montoro, que abocaron estes anos á privatización duns servizos e a deixar de prestar outros.

8. Áreas metropolitanas. O PP debe desbloquear o desenvolvemento das áreas metropolitanas de Vigo e a Coruña. Resulta fundamental para a mobilidade, a vertebración do territorio, a mellora da calidade ambiental e as oportunidades laborais.

9. Cultura. En Marea considera inaprazable un novo Plan estratéxico da cultura así como a actualización da Lei do Audiovisual. É ineludible a retirada do Proxecto de Lei de espectáculos públicos.

10. Lingua. En Marea defenderá como propia a ILP presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística de garantía de dereitos dos consumidores, ademais de defender a derrogación do decreto do exterminio do galego no ensino.

11. Liberdade de difusión de ideas políticas e acceso a unha información veraz. A transformación dos telexornais en verdadeiros “NODOS de propaganda Feijoista é clamoroso, e a invisibilización non só das alternativas políticas, senón de calquera tipo de movemento social desafecto coa xunta de Galicia é máis propio dun Estado autoritario cá dunha democracia” como denunciou Villares. Por iso lles anunciou a vindeira presentación dunha proposición de Lei de medios públicos, que remate para sempre con esta “anomalía e vergoña democrática”.

12. Mar. Cómpre abordar inaprazablemete o saneamento integral das rías e o noso compromiso volverá ser dotalo economicamente nos orzamentos deste ano.  Precisamos o incremento das cotas de pesca da frota Galega, nomeadamente da frota artesanal, utilizando o criterio de reparto socio-laboral.

13. Industria. A xunta debe intervir no Plan industrial de Navantia; desenvolva un novo Plan eólico para Galicia que volva a situarnos na vanguardia do sector no mundo; e aproveite ás viaxes a China ou a Bruxelas para mellorar I+D+i galego.En Marea presentará un plan de desenvolvemento da industria da automoción.

14. O grupo parlamentario presentará un Plan integral de transporte que organice o caos creado pola Xunta. A mobilidade non é só a AP 9 e o AVE. Son as liñas ferroviarias convencionais, é o FEVE, é o ansiado tren de proximidade, son as conexións por mar entre Vigo e Cangas. E por suposto un plan de transporte público por estrada que vertebre o espazo rural entre si e co espazo urbano. Todo sen perder de vista a perspectiva Eurorrexional co norte de Portugal e o corredor cantábrico, así como as infraestruturas portuarias.

PROPOSTAS INMEDIATAS FRONTE AO PP 

O voceiro de En Marea ofreceu ao resto da oposición un pacto de colaboración ante as propostas do PP que rompen o consenso social básico e para dar resposta a “un reclamo popular unánime” que pide que sexan unha soa voz. Así as materias que requiren un traballo conxunto para Villares son:

1. Defensa dun sistema público de saúde gratuíto e universal en todo o territorio galego, que abranguería as seguintes áreas:
– Retirada inmediata do proxecto de reforma da lei de Saúde;
– Reforzo da Atención primaria coa reimplantación das xerencias;
– Plan de abordaxe das listas de espera mediante o emprego dos recursos públicos, sen derivación á privada;
– Recuperación das carreiras profesionais e dignificación do traballo do persoal sanitario.

2. Defensa do territorio. “Non podemos permitir que o PP faga de Galicia un burato negro co seu proxecto de depredación do territorio, enmascarada perversamente na Lei de fomento empresarial” asegurou Villares.

3. Defensa do ensino público en igualdade, gratuíto, de calidade e para todas. Os centros de ensino non son sucursais bancarias que se podan pechar se non dan beneficios, porque a educación sempre é beneficiosa para a sociedade. Por iso En Marea propón:
– Derrogación completa da LOMCE,
– rexeitamento do peche de escolas
– Blindaxe orzamentaria do ensino ata acadar ao 7% do PIB
– Elaboración dun plan de ensino rural que reverta o desmantelamento deste servizo.

Neste contexto de pactos, o voceiro de EN Marea asegurou que “En Marea naceu para responder a un reclamo popular en Galicia. Sacar o chapapote das institucións e limpar a incompetencia e a corrupción, cun proxecto nacional baseado na democracia e na xustiza social”. “As nosas ferramentas de descontaminación masiva son a radicalidade democrática, o dereito a decidir todo o que afecta as nosas vidas, o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e a defensa das liberdades civís e dos dereitos sociais” explicou.

A deriva autoritaria do Estado puxo de manifesto un franquismo sociolóxico enquistado nunha incompleta transición e por iso, En Marea ofreceu un pacto de colaboración aberto entre iguais, en clave democrática, social e de recoñecemento plurinacional do Estado. Un acordo con tres partes:

1. Constitución no ámbito do Estado dunha fronte ampla de espazos políticos que, pivotando sobre o eixo social, democrático e con recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e o dereito a decidir, “permita desaloxar ao goberno do PP das institucións”.

2. Cos novos interlocutores no goberno do Estado e a nova maioría parlamentaria abordar un proceso constituínte que desemboque nun novo marco constitucional, de corte confederal, axustado aos principios cidadáns de maior democracia, maior control cidadán das institucións, maior servizo ao ben común da cidadanía, maior garantía dos dereitos sociais e recoñecemento pleno do carácter plurinacional do Estado.

3. Neste marco constituínte, aseguramento do recoñecemento do carácter nacional de Galicia, e dotación dun marco xurídico político acorde con esa condición, cun novo marco competencial e unha carta interna de dereitos sociais que aseguren de forma efectiva a xustiza social e a solidariedade plenas para o conxunto da cidadanía galega.

“Queremos que a cidadanía de Galicia sexa protagonista activa dos cambios políticos e sociais que están tendo lugar. Dous terzos das persoas que estamos aquí non puidemos votar a constitución. Xa era hora que esta xeración manifeste o que quere e tome as rendas do seu destino. Desa cidadanía que Feijóo e o seu PP deixaron tirados” salientou Villares.

“Desculpe que a xente non confíe en vostede. A historia recente di que vostede non é bo para Galicia: se non foi capaz de conseguir o traspaso de unha autopista, non podemos esperar que vaia conseguir un futuro mellor para Galicia. Señor Feijóo, para esta singradura este barco necesita outro patrón” concluíu o voceiro de En Marea, Luís Villares a súa intervención no debate do estado da nación.

Noticias de última hora en Vigo