Villares pon en valor os 100 días da alternativa positiva e de país de En Marea fronte ao Goberno “gris“ de Feijoo

Villares denunciou a intolerable perda de poder adquisitivo dos pensionistas que segundo datos reais sitúase nos 273 euros anuais.
Publicado por o día 27/02/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Villares pon en valor os 100 días da alternativa positiva e de país de En Marea fronte ao Goberno “gris“ de Feijoo

O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, valorou os 100 días da alternativa de En Marea formulando propostas reais e realizables de país fronte aos “100 días de moita propaganda e nula eficacia de xestión de Núñez Feijóo“. Villares que ofreceu unha rolda de prensa esta mañá no Parlamento de Galicia na que referiuse ás palabras de de Feijoo aos seus conselleiros e altos cargos da Xunta nas que advertía que Galicia non lles dera un cheque en branco o que en opinión do portavoz parlamentario de En Marea “é máis unha forma de marcar quen manda aquí“.

“Estamos ante un goberno absolutamente gris, con pouca capacidade e mandado“ afirmou Luís Villares. Dúas probas disto foi a xestión da AP-9, “unha xestión doada de defender pero que Feijóo non foi quen de facer valer en Madrid“. Mesma actuación mantivo no relativo a finalización das obras do AVE ante o Ministerio de Fomento. Ante os datos aportados pola propia realidade, o grupo parlamentario non pode máis que valorar os 100 días do goberno Feijóo como “un balance pobre no que o mito da eficacia do PP non é máis que iso, un mito e moita propaganda“.

Na comparecencia ante os medios Villares criticou tamén a actitude mantida polo presidente da Xunta de Galicia no pasado pleno no que aseguraba en resposta á pregunta do grupo de En Marea, que non tiña coñecemento da intención de venda das centrais de Ferroaltlántica. Unha afirmación que quedou desmentida nte nunha entrevista onte nun medio de comunicación na que recoñecía que houbera conversas coa empresa. Unha vez máis o presidente da Xunta mentiu en sede parlamentaria e non só aos grupos da oposición senón a todos os galegos e galegas. “Cando se coñece que existe o procedemento queremos unha política clara en defensa dos postos de traballo e sen embargo por parte do Goberno galego non hai política clara nin neste tema nin en ningún outro que teña que ver coa Industria“ salientou Villares. Na automoción Galicia ten igualmente un “presidente ausente“ e no tema sanitario tivemos unha mostra máis de ineficacia negando os problemas denunciados por En Marea na pasada sesión de control pero cesando ao día seguinte aos xerentes dos hospitais galegos.

Fronte a isto, En Marea ofreceu 100 dias de alternativa cunha acción non só de protesta e denuncia contra o Goberno senón ofrecendo unha política en clave positiva e construtiva. Así, o pasado sábado o grupo parlamentario por exemplo percorreu as rúas da Coruña para reclamar un sistema de pensións digno, suficiente e adecuado. Neste sentido o portavoz de En Marea denunciou a intolerable perda de poder adquisitivo das nosas pensionistas e pensionistas que segundo datos reais sitúase nos 273 euros anuais, case 23 euros ao mes. “O goberno levou a cabo unha subida raquítica do mínimo legal, o 0,25 por cento mentres o IPC interanual subiu un 3,2 por cento, o que significa unha perda dun 2,95 por cento. As pensionistas seguen perdendo dereitos e calidade de vida“ denunciou Villares.

Pero En Marea non se conforma con estar na rúa denunciando, criticando e loitando, “formulamos alternativas reais e realizables“. Entre elas o acordo formulado polo grupo parlamentario sobre o teito de gasto que se elaborou dentro dos marcos legais “para que non se nos dixera que era imposible“ e pese a todo foi rexeitado. “Queríamos estimular economía produtiva e investimento social“ explicou o portavoz.

O mesmo acontece co financiamento autonómico no que En Marea non só se limita a rexeitar e facer unha proposta sensata, real e posible. “Falase do problema demográfico, é un síntoma non un problema. Ten que emigrar pola falla de expectativas, pero tamén a falla de seguridade. Co sistema de financiamento autonómico poderíamos arranxar esta falla de expectativas e seguridade“ destacou Luís Villares.

O portavoz parlamentario de En Marea rematou a comparecencia poñendo en valor unha vez máis a acción do grupo parlamentario traballando e formulando unha acción de Goberno alternativa que comezou xa a dar mostra da súa capacidade propositiva en clave de país e xustiza social.