Villares preguntaralle a Feijóo pola situación do autogoberno en Galicia na vindeira sesión de control

Luís Villares: “Temos un presidente veleta que antes miraba o vento segundo lle viña de Madrid e agora faino segundo lle vén de Andalucía”
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de En Marea,Política

Villares preguntaralle a Feijóo pola situación do autogoberno en Galicia na vindeira sesión de control

O voceiro de En Marea, Luís Villares, cualificou a Feijóo de “presidente veleta que antes miraba o vento segundo lle viña de Madrid e agora faino segundo lle vén de Andalucía”  en referencia ao seu cambio de posicionamento en menos de quince días con respecto ao autogoberno, cuestión sobre a que lle formulará a pregunta na vindeira sesión de control. “Que pouco lle durou o disfraz de autonomista”, chanceou Villares. “Abascal e Casado deberon darlle o toque, pois aínda non chegou o Entroido”.

Para En Marea é fundamental aumentar as cotas de autogoberno “porque mellora a calidade de vida da xente”. Nese senso, pídese a participacion da Xunta na recentemente reactivada Comisión Mixta de Transferencias Galicia-Estado, aprobada por maioría no Congreso a instancias de En Marea. “Había un paquete de 70 competencias que quedou adiado sen data coa chegada de Rajoy, mentres outras Comunidades Autónomas si conqueriron maiores cotas de autonomía”, reivindicou Villares, para quen  o problema é que “Feijóo non cre na autonomía e  tratou o país como se fose un delegado do goberno nestes anos”.

Sobre esta mesma cuestión do autogoberno, “tamén trasladaremos unha moción na que pediremos a todos os grupos que se posicionen sobre os pactos coa extrema dereita. ese tridente reaccionario de Andalucía que postula a supresión do autogoberno de Galicia e das autonomías, pois algo terá que dicir o Goberno galego e a Cámara sobre aqueles que postulan a súa supresión e disolución”. Para o voceiro de En Marea nesta cuestión “non caben medias tintas, ou se é centralista ou se é autonomista”.

A situación da sanidade pública será outro dos temas centrais de En Marea no pleno da vindeira semana. Ademais de apoiar a gran manifestación do vindeiro domingo en Compostela, o grupo parlamentario trasladará unha Proposición Non de Lei sobre a situación do 061 e unha moción sobre a saturación das urxencias hospitalarias. “Estamos fartos do maltrato sanitario ao que nos somete o señor Feijóo, pois a sanidade vertebra o país, e non podemos permitir que FEijóo sexa un demoledor dun servizo fundamental para a nosa economía”.

Outra Proposición Non de Lei versará sobre o corredor ferroviario Vigo-Porto, unha infraestrutura fundamental para vertebrar Galicia e a cidade de Vigo “eterna marxinada nas políticas galegas e estatais” co norte de Portugal. Unha infraestrutura que para Villares “non acaba de arrancar, a pesar de moitas fotos e moitos cartelitos, aos que non seguen ningunha accción política”.

En Marea tamén se preocupará na vindeira sesión plenaria polo aumento da mortandade nas estradas galegas, que para o grupo parlamentario ten “causas cifradas en informes técnicos, relacionadas coa falta de investimentos nas vías de comunicación”. Nese senso, Villares reclamou “a necesidade de asumir inmediatamente as competencias en materia de Tráfico”.

As preguntas ao Goberno de En Marea versarán sobre a situación do Centro Galego de Bos Aires e sobre as razóns da facturación ás familias das reparacións dos equipos informáticos facilitados ao alumnado que forma parte da iniciativa de educación dixital E-Dixgal na modalidade de cesión de uso.

ERTE de Ferroatlántica 

Luís Villares tamén se referiu na rolda de prensa posterior á Xunta de Voceiros ao ERTE de Ferroatlántica, anunciado onte pola empresa aos traballadores. “Estivemos hai 10 días con representantes do Comité de empresa en Cee e tardaron dez días en facer oficial o que para nós era unha evidencia”, lembrou. “Pedimoslle a Feijóo que exerza as súas competencias nesta materia  para que se revirta o ERTE e que se invista nun plan industrial, pois ambas condicións están recollidas nos pregos da concesión e non se están cumprindo. Non existen razons economicas  para deixar a máis de cen persoas na casa, que xustifiquen esta situación, pois a baixada de axudas de interrumpibilidade non é aplicable a Ferroatlancia, porque é autoprodutor de enerxía eléctrica, non está sometido aos vaivenes do mercado.”