Villares reclama en Vigo un plan industrial que poña fin á elevada precariedade laboral

Considera que sectores estratéxicos como o naval ou a automoción deben ter un papel destacado para a recuperación dun emprego de calidade.
Por o 20/04/2018 | Sección: En Marea,Galicia,Política,Vigo
Villares reclama en Vigo un plan industrial que poña fin á elevada precariedade laboral

O voceiro de En Marea avoga polo traballo conxunto para rematar coa precariedade laboral e poñer en marcha un plan industrial que permita recuperar a carga de traballo e a man de obra cualificada deslocalizada como consecuencia da crise. Despois de reunirse con representantes da CIG en Vigo para abordar a situación sociolaboral desa comarca; Luís Villares destacou a total inoperatividade e o desinterese do goberno do goberno da Xunta; que cun 40% de paro no conxunto de Galicia deixa sen executar a meirande parte das partidas orzamentarias destinadas a fomento do emprego.

“Un 25% da comarca de Vigo chega con dificultades a fin de mes, segundo datos do Instituto Galego de Estadística, e isto non é aceptable. Se a crise xa pasou e temos o mesmo PIB ca antes, por que non vivimos mellor, por que non temos os mesmos dereitos e os mesmos salarios ca antes? Esa resposta está por dar por parte da Xunta de Galicia, que o único que fai é reducir os orzamentos e as oportunidades que ten, sobre todo a xente nova, no noso país”. Así se expresaba o voceiro de en Marea, que ademais lembraba que “nestes momentos a precariedade laboral afecta a un 89% da comarca de Vigo”. Un dato extrapolable ao conxunto de Galicia.

Villares destacou a necesidade de poñer o foco en sectores estratéxicos para a contorna da cidade olívica, como son o naval e a automomoción. “Nos últimos dez anos non houbo un plan industrial nin plans de emprego de ningún tipo vinculados ao sector industrial, e particularmente á automoción”, indicou o voceiro de En Marea. Que tamén fixo referencia á “preocupación evidente pola situación que atravesa o sector naval, tanto en Vigo como en Ferrol. Nos últimos anos produciuse unha perda da carga de traballo; e agora que esta comeza a recuperarse atopámonos co problema de que falta man de obra cualificada, porque todo ese capital humano que existía en Galicia tivo que marchar fóra”, explicou Villares.

No que respecta á autonomoción, o voceiro de En Marea reclamou a posta en marcha dun plan actuación que permita viabilizar e diversificar ese sector “para que non haxa dependencia dunha única empresa; e para que o sector auxiliar de compoñentes teña verdadeira forza”.

O voceiro de En Marea non quixo deixar de lembrar que a precariedade laboral implica para quen a padece percibir un 30% menos de salario, e está asociada a unha maior sinistralidade laboral. “Non é admisible que nas actuais condicións de precariedade laboral o goberno de Feijóo so executase no 2017 un 57% dos orzamentos destinados ao fomento do emprego”. Con ese exemplo Villares denunciou o absoluto desinterese do presidente da Xunta de Galicia pola creación de emprego de calidade. “E por iso a xente nova emigra”.

Villares salientou tamén a necesidade de vincular a necesaria creación de emprego de calidade a unha estratexia efectiva de fomento do I+D. Medidas que “o goberno de Núñez Feijóo non está poñendo en marcha. E esa é a razón de que nos orzamentos da Xunta de 2017, que xa eran raquíticos, se produza un baixo nivel de execución en materia de I+D.