Vinte empresas optan a executar a sede da Universidade de Vigo no Casco Vello

Unha das actuacións que máis vai contribuír a transformar a imaxe dunha parte tan importante do Casco Vello como a praza do Berbés comeza a ver despexado o seu camiño coa resolución de varios problemas administrativos xurdidos ao longo da súa tramitación: referímonos á construción nesta emblemática zona da sede representativa da Universidade de Vigo na cidade
Por o 02/08/2017 | Sección: Galicia,Vigo
Vinte empresas optan a executar a sede da Universidade de Vigo no Casco Vello

Unha das actuacións que máis vai contribuír a transformar a imaxe dunha parte tan importante do Casco Vello como a praza do Berbés comeza a ver despexado o seu camiño coa resolución de varios problemas administrativos xurdidos ao longo da súa tramitación: referímonos á construción nesta emblemática zona da sede representativa da Universidade de Vigo na cidade.

Problemas na realización do estudo arqueolóxico, preceptivo ao tratarse dunha zona de protección urbanística, ralentizarón este proxecto que a institutición académica realizará en tres inmobles cedidos polo Consorcio Casco Vello  de Vigo por un período de corenta anos e contando co apoio financeiro da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Con este trámite finalmente en vías de solución, a Universidade de Vigo acaba de anunciar que unha vintena de empresas construtoras interesáronse en facerse coa execución deste proxecto, que conta cun orzamento de 1,9 millóns de €. Este investimento permitirá rehabilitar os edificios situados nos números 11, 13 e 15 da praza do Berbés, dando lugar a un único inmoble no que se instalará a sede institucional da Universidade na cidade, así como distintos servizos de apoio ao alumnado, incluíndo espazos para a organización de talleres, simposios e mesmo un local comercial. De acordo coas informacións proporcionadas pola entidade educativa ao finalizar o verán resolverase o concurso para a adxudicación das obras e espérase que a nova dotación poida estar operativa nos primeiros meses de 2019.

Adquisición edificio

Este proxecto súmase a outras intervencións que o propio Consorcio Casco Vello de Vigo, organismo participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia a través de IGVS e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, realizou ou prevé realizar nesta zona, co obxectivo de revitalizala e convertela novamente nunha referencia da cidade olívica. Entre estas iniciativas atópase a recuperación do edificio situado no número 5 da praza do Berbés, recentemente adquirido, ou a colaboración do Consorcio na creación nas inmediacións desta praza da sede dos Rexistros Mercantís de Vigo.