Vinte novos docentes titulares toman posesión das súas prazas

Manuel Reigosa deulles os parabéns “polo traballo feito durante moitos anos”
Publicado por o día 03/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Vinte novos docentes titulares toman posesión das súas prazas

O cadro de persoal da Universidade de Vigo conta, dende este venres, con vinte novos profesoras e profesores titulares tras a toma de posesión das súas prazas por parte de María Flora Alonso, Ángel Eduardo Pérez, María Calviño, Manuel Alfredo Mosquera, Carmen González Barreiro, Moisés Pérez Lorenzo, Nuria Yáñez, José Ramón Rodríguez Lago, Marta García González, Marcos López Lago, Higinio González, Ángel Paredes, Pablo Torío, Francisco José Torres, Águeda Gutiérrez, Miguel González Loureiro, Jesús García, María Belén Fernández Docampo, María Cruz Barreiro e Juan Manuel Corbacho.

No, acto que tivo lugar no edificio Ernestina Otero, o reitor, Manuel Reigosa, destacou que este é “un día de ledicia para todos, para vós, para as vosas familias e para a Universidade” e deulles a todas e todos os parabéns “polo traballo feito durante moitos anos, un traballo que ten o seu recoñecemento ao fin” pasando de profesor contratado doutor a titular de Universidade. Recoñeceu que este é “un éxito que é de todos, porque a Universidade está chea de oportunidades para todas as persoas que traballan nela” e destacou o importante papel que xogan os grupos de investigación para que os docentes acaden a acreditación.

Reigosa animou a esta vintena de novos titulares a seguir o camiño porque “aínda queda unha etapa máis que completar”, acadar a praza de catedrático. Neste sentido, remarcou que dende a Universidade agardan que “dentro de pouco a contorna nos permita que todos aqueles que acadedes a acreditación como catedráticos poidades promocionar de xeito normal, porque cando alguén traballa cara o éxito o recoñecemento da súa praza debería ser inmediato”. O reitor avanzou tamén que o equipo de goberno agarda “baleirar a bolsa de acreditados nestes dous anos e medio ou tres que quedan de mandato” e normalizar os procesos para que “sexa algo absolutamente normal que cando alguén acade a súa acreditación de titular ou catedrático poida optar con total normalidade ao que merece”.